A Xunta abre ás familias a residencia de tempo libre do Carballiño para o desfrute das vacacións. O programa ‘Vacacións en familia’ ofertou este ano máis prazas que nunca co obxectivo de aumentar as opcións de ocio e de conciliación
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, salientou a aposta do Goberno galego por ofrecer ás familias propostas de ocio que lles permitan desfrutar do verán e, ao mesmo tempo, conciliar. Díxoo durante unha vista á Residencia de Tempo Libre da Xunta de Galicia no Carballiño, na que se está a desenvolver o programa ‘Vacacións en familia’.
O Executivo autonómico ofertou este verán un total de 2760 prazas ao abeiro deste programa, distribuídas do seguinte xeito: 1440 prazas no centro residencial do Carballiño e outras 1320 no de Panxón, en Nigrán. Ademais deste incremento da oferta, ampliáronse as quendas ata finais de setembro para aquelas familias con fillos maiores ou sen fillos que tamén queiran pasar as súas vacacións nestas residencias de tempo libre.
O programa ‘Vacacións en familia’ inclúe aloxamento e pensión completa na residencia. Ao igual que sucedeu en convocatorias anteriores, as familias de especial consideración, como as numerosas, as monoparentais, as acolledoras ou as vítimas de violencia machista tiveron prioridade no acceso ás prazas.