A Xunta acometerá obras de mellora no CEIP de Boborás, cunha inversión de 135.000 cubriráse o patio exterior do colexio. O conselleiro Román Rodríguez tamén visitou as escavacións no castro de Cameixa.

25, Outubro 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou o concello de Boborás para presentar as actuacións que a Xunta de Galicia está a realizar no CEIP Nosa Señora de Xuvencos e no Castro de Cameixa, ambos neste municipio. Nesta visita estivo acompañado dunha representación da corporación municipal, na que figuraba a alcaldesa de Boborás Patricia Torres.

No referido ao colexio, o conselleiro destacou o investimento de preto de 135.000€ para a cubrición do patio cuberto. “Segundo as previsións, a actuación comezará antes de que remate o mes de novembro”, explicou, sinalando que o prazo de execución da mesma é de catro meses.

O proxecto propón a implantación de dúas novas cubertas situadas na parte posterior da edificación existente, posibilitando un espazo protexido á acción da choiva, aberto polos seus laterais, que permite o desenvolvemento de actividades ao aire libre dos alumnos. As novas cubricións consistirán nunha estrutura de aceiro laminada, composta por piares e vigas pasantes e tamén se instalarán canlóns de aceiro galvanizado.

Castro de Cameixa
A campaña arqueolóxica acometida no Castro de Cameixa nos últimos meses fixo posible identificar novas estruturas murarias que se datan na última fase de ocupación (s. I a.C.- I d.C.) e que poderían indicar a presencia dun espazo de tránsito entre a parte máis alta do xacemento e esta. Así mesmo, confirmouse a continuación do muro localizado durante as campañas anteriores e sobre o que se artellan varios espazos destinados ao traballo metalúrxico tras a localización de dous fogares con estrutura circular anexa para refriado.

En canto a materiais, atopáronse abundantes fragmentos cerámicos así como dúas doas de colar de pasta vítrea, unha fíbula de longo traveseiro, unha pulseira e varios ferros, tal como explicou ante a representación institucional o director das escavacións, o arqueólogo Jorge Lamas.

Os traballos, nos que o departamento de Cultura do Goberno galego investiu máis de 16.000€, comezaron pola limpeza e roza, baixo control arqueolóxico, da vexetación da zona de actuación e a súa contorna máis inmediata. Así mesmo, escavouse unha área duns 100 m² co fin de exhumar parte dos restos arqueolóxicos descubertos en campañas anteriores, sobre as que posteriormente se realizaron labores de diagnose e consolidación. A actuación completouse coa documentación fotográfica e planimétrica da área de actuación e das diferentes fases.

O Castro de Cameixa ten a consideración de ben catalogado e presenta dous recintos amurallados e incluso outro antecastro máis exterior pero sen defensas ben definidas. Foi un dos primeiros escavados con certa metodoloxía arqueolóxica, o que achegou datacións absolutas que permitiron reformular os distintos períodos da cultura castrexa.

As primeiras campañas realizáronse nos anos 40 do século XX por Florentino López Cuevillas e Xaquín Lorenzo Fernández. Desde o ano 2018 estanse a levar a cabo campañas arqueolóxicas anuais para a posta en valor do dito xacemento a través da escavación e consolidación das estruturas arqueolóxicas descubertos na campaña inicial, así como ampliando a escavación co fin de definir e comprobar datos para seguir avanzando na investigación deste xacemento.