A Xunta adxudica a "Misturas Obras e Proxectos S.A." a obra do entorno da Veracruz, por un importe de 957.882 euros
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudicou, de xeito provisional, as obras de acondicionamento do entorno do Templo de Veracruz. A empresa adxudicataria foi Misturas Obras e Proxectos S.A., por un importe de 957.882 euros. Esta actuación consiste nas obras de urbanización e pavimentación do contorno do templo de Veracruz , e teñen un prazo de execución de dez meses.O anterior departamento responsable en materia de ordenación asinou en setembro de 2006 un convenio de colaboración entre o Goberno galego e o Concello de O Carballiño, polo cal se comprometía a financiar o 100% das obras de reurbanización. Posteriormente, esta colaboración modificouse e para iso o anterior executivo asinou tres addendas ao convenio; a primeira e a segunda formalizáronse para axustar as anualidades establecidas e a terceira asinouse ao incrementar a contía aportada pola Xunta -en case 80.000 euros- para aumentar o ámbito de actuación
A Consellería de Medio Ambiente reactivou esta colaboración a través da autorización polo Consello da Xunta dunha addenda ao convenio. Esta decisión esta xustificada pola necesidade de modificar as anualidades e prolongar a vixencia do acordo, coa finalidade de adaptar as contías económicas coas fases de execución dos traballos.
Este tipo de actuacións redundará na mellora do espazo público, na modificación parcial dalgunhas das redes de infraestruturas dos servizos urbanísticos existentes e na dotación de redes na vía de nova construcción. O Partido Popular do Carballiño, que deu a coñecer a adxudicación da obra por medio dun comunicado informativo, puxo de manifesto "a satisfacción pola rápida actuación da Xunta nos últimos meses, no que vai ser o proxecto máis importante do Carballiño nos últimos anos"
As obras teñen como base o acondicionamento do contorno do templo de Veracruz. Os traballos céntranse en mellorar e cualificar o contorno do templo e construír unha nova rúa, a rúa Antonio Palacios, así como mellora o trazado e a aliñación da rúa dos Canteiros. Estas dúas vías, xunto coa de Evaristo Vaamonde, delimitarán o recinto do ámbito do templo. O convenio asinado tamén fixa que se acondicionará o propio contorno do edificio, co tratamento superficial e a incorporación de árbores e de vexetación.