A Xunta adxudica obras de mellora no núcleo histórico da vila de Cea, o prazo de execución será de tres meses
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar por un importe de 84.553,32 euros, IVE incluído, as obras de humanización e mellora de varias rúas do concello ourensán de San Cristovo de Cea. Dos traballos encargarase a empresa Ingenieros Consultores Agrupados, S.L., e o prazo estimado no contrato para finalizar os traballos será de tres meses. As actuacións de mellora levaranse a cabo en cinco zonas do casco histórico do núcleo de Cea, co fin de darlle continuidade a unha actuación xa iniciada noutra fase de humanización e lograr a uniformidade de todo o conxunto.
Para lograr este obxectivo, apostarase por unha pavimentación idónea para o uso peonil e de tráfico lixeiro, principalmente na parte máis antiga do núcleo, orientada a mellorar a seguridade, a accesibilidade e, en definitiva, a mellora xeral da calidade das rúas. A superficie total a acondicionar é de aproximadamente 1.295,79 metros cadrados e localízase no que constitúe o casco antigo do núcleo, integrado en gran parte por edificacións tradicionais. Na zona de actuación, ademais, atópanse algúns dos equipamentos municipais que prestan servizo a todos os habitantes do Concello, de aí a necesidade de acondicionala e adaptala á demanda actual da veciñanza como punto de encontro e de esparexemento.
Tal e como se xustifica no proxecto, o que se busca é a posta en valor destas rúas con condicións axeitadas de funcionamento para o seu uso e goce como elemento de relación e espazo de ocio na zona máis tradicional do núcleo de Cea. A mellora e a humanización deste espazo preténdese conseguir co acondicionamento das rúas en canto aos acabados dos pavimentos e das instalacións. Cómpre lembrar que o núcleo de Cea presenta unhas zonas nas que xa se acondicionou a pavimentación para uso peonil e de tráfico lixeiro a base de formigón impreso a cor e bandas de granito gris que rompen co deseño continuo. A nova actuación adxudicada pola Xunta pretende dar continuidade ás zonas nas que non se interviñera aínda, empregando acabados similares con formigón impreso e bandas perimetrais e transversais de granito para que o casco antigo presente unha uniformidade de tratamento no seu conxunto e mellorando estas zonas para uso peonil dos veciños de Cea.