A Xunta adxudica por 160.820 euros a execución dunha parada de autobús intermodal na estación de ferrocarril do Carballiño

21, Decembro 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar por 162.820 euros as obras para a execución dunha parada de autobús intermodal na estación de ferrocarril do Carballiño.

A Xunta prevé formalizar este contrato nos vindeiros días co fin de impulsar a instalación dunha parada exclusiva para as liñas interurbanas de autobús de uso regular na parcela situada na explanada frontal da estación de ferrocarril, localizada na avenida O Vinte e Cinco de Xullo, co obxecto de favorecer a intemodalidade entre os dous medios de transporte.

As obras, adxudicadas á empresa Obras y Viales de Galicia, S.L. comprenden os traballos necesarios para a posta en marcha da parada de autobús: a urbanización da zona, a reposición dos servizos afectados e o subministro e instalación do refuxio.

Máis en detalle, co fin de acadar unhas condicións óptimas de seguridade para a subida e baixada de viaxeiros, as obras obxecto do contrato adxudicado hoxe consistirán na execución dunha parada de autobuses, configurada como illa, entre a citada avenida, a dársena de aparcamento da estación ferroviaria e os accesos á mesma.

Na intervención inclúese a incorporación dunha zona axardinada, mobiliario urbano e unha marquesiña a ambos os lados, xerando así dúas zonas de parada: a primeira en dirección de acceso á vila sobre a propia avenida; e a segunda, na marxe oposta do núcleo da parada para os autobuses que saen do municipio. Ademais, o refuxio protexerá aos usuarios do transporte público das inclemencias meteorolóxicas.

Esta actuación da Xunta fortalecerá a comunicación entre a estación ferroviaria e o transporte interurbano por autobús no concello do Carballiño. Enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello, por importe de preto de 190.000 euros, nos que se inclúe a redacción do proxecto obxecto das obras licitadas hoxe.

Segundo o acordo asinado, a Xunta achegará integramente o financiamento para os traballos e executará as obras; mentres que a entidade local asume a posta á disposición dos terreos necesarios para a súa instalación e o mantemento e conservación da infraestrutura ao remate dos traballos.

Con este contrato, o departamento a Xunta dá resposta á solicitude do Concello para o acondicionamento dunha parada de autobús intermodal na parcela da estación ferroviaria do Carballiño, logo de asinar a entidade local o arrendamento co Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF).

A intervención ten por obxecto mellorar a calidade ambiental potenciando o uso do transporte público en detrimento do vehículo privado e facilitar unha mobilidade urbana sostible, así como incrementar os usuarios do transporte público dos dous medios de transporte.