A Xunta adxudica por 265.000 € as obras que culminarán a humanización da travesía da OU-154 no Reino, no concello de Piñor
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 265.614 euros as obras que culminarán a humanización da travesía da estrada autonómica OU-154 no Reino, no concello de Piñor.
Esta nova intervención para a mellora da seguridade viaria foi adxudicada á empresa Obras, Pavimentos e Instalaciones Industriales, S.L. Opain. O obxectivo da Xunta é poder iniciar os traballos na segunda quincena de abril, cun prazo de execución de 3 meses.
A intervención obxecto deste contrato consiste na mellora de dous treitos da OU-154 que suman 500 metros de lonxitude: entre os puntos quilométricos 1+450 e 1+741; e do 2+025 ao 2+235, que coinciden coa travesía do núcleo rural do Reino.
Deste xeito, a nova intervención do departamento de Infraestruturas da Xunta completará a remodelación xa executada no treito situado entre os quilómetros 1+741 e 2+025, para protexer a circulación dos peóns e rehabilitar o firme, que supuxo un investimento autonómico de 160.000 euros.
Máis en detalle, as obras consistirán na humanización do treito de travesía obxecto da actuación, incluíndo o soterramento das redes aéreas de electricidade, iluminación pública e telecomunicacións.
Para levar a cabo a intervención vaise proceder á demolición da beirarrúa e de parte da calzada, que se repoñerán mellorando a accesibilidade e a sección de firme afectada. Posteriormente realizarase unha rehabilitación superficial completa do firme da calzada.
Tamén se disporá unha nova rede de alumeado público con luminarias de tecnoloxía led, para unha mellora da eficiencia enerxética.
Destaca na intervención entre os puntos 1+686 e o 1+723 a elevación da beirarrúa sobre a plataforma da calzada, manténdose no mesmo nivel no resto desta zona.
Ademais, entre os puntos 1+723 e 1+740, coincidindo co cruce do Camiño de Santiago, disporase unha plataforma sobreelevada, quedando a calzada ao mesmo nivel que a beirarrúa.
Na intervención incluirase, ademais, a adaptación do sistema de drenaxe existente á nova sección da vía nas zonas afectadas.
Os traballos completaranse coa reposición da sinalización horizontal e vertical afectada e a colocación de nova sinalización.
As actuacións previstas non implican a realización de expropiación algunha, xa que as obras que se van executar están incluídas dentro da franxa de dominio público da estrada.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.