A Xunta adxudica a redacción do proxecto das obras do novo centro de saúde de Boborás. O centro, cuxas obras se estima suporán un investimento de 1,24 M€, contará cunha superficie construída de máis de 660 m2.
A Xunta vén de adxudicar a redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde de Boborás. O contrato foi adxudicado á UTE Pablo Falcón Novoa- Cesáreo Padrón Conde- Iago Pérez Fernández por un importe de case 74.500 euros.
Unha vez adxudicado e asinado o contrato, a empresa disporá dun prazo de 3 meses para entregar o proxecto básico e de 2 meses para presentar o proxecto de execución, unha vez que o proxecto básico sexa informado favorablemente. O obxectivo é definir unha idea global do edificio e da súa urbanización, coa súa concepción construtiva e de instalacións. O orzamento para a execución das obras do novo centro de saúde de Boborás estímase en 1,24 M€, un investimento da Xunta que quedará determinado finalmente no proxecto de execución.
A proposta para executar o novo centro de saúde busca a mellor integración co entorno en todos os seus aspectos: implantación da parcela, volumetría, deseño e emprego de materiais característicos da zona como a pedra e a madeira. O edificio será un elemento lonxitudinal, paralelo á vía de acceso Evaristo Riande, próximo ao borde sur da parcela. O peche será un muro de cachotería tradicional que separará o edificio da vía pública e daralle privacidade. Na parte norte da parcela conservarase a maioría do arboredo existente, autóctono, que será complementado con novas árbores adicionais, dando ao conxunto un carácter natural. Prevese a apertura de patios e espazos acristalados que introducen a visión de natureza no edificio, e espazos axardinados como un patio de entrada ou un patio lonxitudinal da zona de consultas. Tamén se aproveitará ao máximo a luz natural, prestando especial atención ás zonas de consultas.
No que se refire á distribución, na planta baixa, desenvólvense as consultas e as zonas de espera, que se dividen en dúas áreas separadas pola zona de acceso e recepción. Na planta superior proxéctase un pequeno volume que acolle os espazos privados para o persoal. A área de asistencia sanitaria contará con 2 consultas de medicina xeral, 2 de enfermaría, zona de espera e 1 sala da muller con aseo propio. Contarase, ademais, con área de respiratorios, con sala polivalente e sala de espera independente, e un área asistencia polivalente adicional. Cómpre lembrar que os terreos teñen unha superficie de 6.247,31 m2 e foron postos á disposición polo Concello.
A Deputación Provincial de Ourense achegará 186.000 euros para a urbanización dos terreos, orzamento que inclúe un aparcadoiro con 70 prazas, unha parada de autobús, beirarrúas e colectores para a xestión de residuos. O Concello está a urbanizar esta parcela, dotándoa de servizos urbanísticos e beirarrúas e incorporando, tamén, na súa parte traseira, unha zona de estacionamento que servirá ao conxunto de equipamentos que se están a construír neste ámbito. De acordo co programa funcional e de espazos, o centro de saúde incrementará en case un 40% a superficie actual.
Máis en concreto, o novo centro acadará unha superficie construída de 663,60 m² e unha superficie útil de 592,50 m2. A execución deste novo centro de saúde é froito do acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Boborás. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, é a encargada de licitar e executar as obras, seguindo a encomenda da Consellería de Sanidade.