A Xunta analiza a idoneidade do ámbito proposto para a ampliación do parque empresarial do Carballiño, un proxecto supramunicipal do que participa o concello de Maside
O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, visitou esta mañá, xunto con varios representantes da empresa pública Xestur, os terreos nos que se pretende ampliar o parque empresarial do Carballiño.
Durante a visita, na que tamén estivo acompañado polo alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega, e o de Maside, José Manuel Iglesias, o director do IGVS e mais os técnicos de Xestur analizaron sobre o terreo a idoneidade do ámbito proposto para a ampliación do actual parque, xa que compete ao IGVS tramitar a modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (Psoaeg) para incluír este cambio.
Unha vez incluído o novo ámbito no Plan sectorial, será tamén o Instituto Galego da Vivenda e Solo o encargado da tramitación do proxecto sectorial do parque.
Actualmente, o organismo autonómico dispón de tres parcelas no parque empresarial do Carballiño, cunha superficie total de 9.117 metros cadrados e unha bonificación do 50% no prezo de venda das mesmas.