A Xunta anuncia o "préstamo vendima" cunha dotación de 60 millóns de euros para axudar a adegas e viticultores
O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, reafirmou hoxe a aposta da Xunta polo sector vitivinícola galego, unha aposta que -dixo- se materializa en medidas concretas como o préstamo vendima, dotado con ata 60 millóns de euros e concibido para permitir a todas as adegas galegas afrontar a compra da totalidade da uva da colleita deste ano en condicións normais de mercado.
O conselleiro explicou que esta iniciativa forma parte dunha nova liña de financiamento impulsada pola Xunta para axudar aos autónomos, microempresas e pemes máis afectados pola emerxencia sanitaria. Segundo José González, o préstamo vendima é un instrumento financeiro deseñado de xeito coordinado entre as consellerías de Economía, Emprego e Industria e do Medio Rural. Terá unhas condicións moi vantaxosas no que se refire ao custo financeiro e ao prazo de devolución coa posibilidade de ter un período de carencia de 1 ano e unha amortización de ata 4 anos.
Con este tipo de actuacións da Xunta, remarcou o conselleiro, garántese o futuro das adegas e dos viticultores galegos que apenas teñen recibido fondos das medidas extraordinarias habilitadas por parte do Goberno central. Neste mesmo sentido, amosou de novo o malestar e a decepción da Xunta e do sector galego do viño pola escasa eficacia e repercusión en Galicia destas achegas do Ministerio, que -sinalou- “semellan máis orientadas a fomentar a cantidade que a calidade”.
En troques, González salientou que “en Galicia apostamos pola calidade” e engadiu que por iso se vai reforzar, ao tempo, a marca Galicia Calidade como un selo que englobe, identifique e mellore o posicionamento dos produtos primarios, entre eles o viño.
En termos semellantes, o titular de Medio Rural en funcións puxo en valor a estratexia sectorial para o viño que se integra nun plan de reactivación e dinamización específico para o rural. Un plan -destacou González- dotado cun orzamento total que supera os 165 millóns de euros e que forma parte da planificación global da Xunta para fomentar a recuperación económica tras a emerxencia sanitaria.