A Xunta anuncia un proxecto de conservación do mosteiro de Oseira, no que investirá 1 millón de euros
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vai acometer unha importante obra de mellora e conservación no mosteiro de Santa María a Real de Oseira, no concello de San Cristovo de Cea, que se levará a cabo en varias fases e suporá un investimento total aproximado dun millón de euros.
Tal como anunciou o conselleiro Román Rodríguez nunha visita a este Ben de Interese Cultural, o departamento de Cultura está ultimando os trámites para licitar a redacción do proxecto básico e de execución para as obras e coa previsión temporal de que comecen as obras este mesmo ano.
Román Rodríguez subliñou que esta actuación persegue un triplo obxectivo. O primeiro e máis destacado é garantir a conservación e mantemento deste monumento senlleiro que está considerado coma “o Escorial galego”.
En segundo lugar poténciase o valor dun recurso cultural que posúe un importante atractivo turístico e, por último, esta actuación axuda á dinamización dunha zona rural do interior da provincia de Ourense na medida en que posibilita a xeración de novos recursos relacionados co ocio e a cultura. De feito, o mosteiro de Oseira e mailo de Sobrado dos Monxes son os únicos dous cenobios en Galicia que se manteñen en uso con comunidades monásticas en activo.
Actuacións por fases
As actuacións previstas como prioritarias para acometer por fases inclúen obras de restauración e mellora na cuberta, na carpintería, nos parámetros e nas pinturas murais principalmente, así como a mellora das condicións ambientais dalgunhas partes do monumento.
Tamén se realizará un estudo básico do inmoble e das súas necesidades de cara á súa conservación e á elaboración dun estudo de conservación preventiva, e dun documento técnico que sirva de base para a futura redacción dun plan director do monumento.
En concreto, está previsto acometer a substitución íntegra da cuberta que conecta o claustro dos pináculos co dos medallóns, así como de toda a carpintería da fachada principal. Así mesmo, realizaranse traballos de limpeza e mantemento dos paramentos dos espazos de maior valor cultural e procederase á pavimentación no espazo da escaleira monumental na planta baixa.
Tamén se revisará a carpintería, farase un estudo de iluminación e se mellorarán as condicións ambientais da sancristía, da sala capitular e do claustro dos medallóns. O proxecto de restauración abrangue tamén ás pinturas murais da cabeceira, dos retablos e portas policromadas así como os elementos de carpintería de madeira orixinais do mosteiro.