A Xunta apoia con 178.000 euros o proxecto dunha moza de 21 anos para unha explotación avícola na parroquia de Coiras
A Consellería do Medio Rural en 2018 investiu na provincia de Ourense unha partida de máis de 5,1 millóns de euros en axudas para a modernización das explotacións, con achegas para incorporación de mozos, plans de mellora e pequenas explotacións. Estas subvencións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), repartíronse entre 133 beneficiarios, dos que 61 son mozos e mozas ourensáns que decidiron apostar o seu futuro laboral polo mundo agrogandeiro.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada do alcalde de Piñor José LUis González, ofreceu estes datos durante unha visita á finca onde se vai a instalar, ao abeiro destas subvencións, unha nova explotación avícola, cuxa propietaria é unha moza de 21 anos que se quere incorporar á actividade agraria seguindo os pasos dos seus pais, que xa teñen outras granxas na zona e foron beneficiarios desta orde de axudas en convocatorias anteriores, na liña de plans de mellora.
En concreto, o departamento autonómico, dirixido por José González, concedeulle unha axuda global de 178.000 euros, a través de dúas liñas (a de primeira instalación e a de plans de mellora) sobre un investimento total de 334.497 euros. Esta achega destinarase ás obras de construción dunha explotación dedicada ao engorde de polos, con capacidade para 31.800 polos broilers, na finca Chouso do Cabreiro, na parroquia de Coiras.