A Xunta aporta 313.000 euros para a mellora do abastecemento e saneamento en Beariz
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas iniciará nos próximos días as obras de abastecemento e saneamento nos núcleos de Muradas e Lebozán, no Concello de Beariz. O goberno galego, a través de Augas de Galicia, realiza unha achega económica de máis de 313.000 euros para levar a cabo estas melloras hidráulicas. No núcleo de Muradas, tanto o abastecemento como o saneamento son moi antigos e sofren deficiencias importantes, polo cal se cambiará a actual rede unitaria por outra separativa. Instalaranse 1.172 metros de tubaxe ao longo da estrada OU-213 que cruza a poboación de norte a sur.
Parte da rede de pluviais verte á rede existente en Beariz e o resto verte a unha valgada na entrada a Muradas. A rede de residuais tamén ten dúas vertentes, unha a rede de Beariz e a outra é a que vai polo centro de Muradas, desembocando na depuradora. O proxecto inclúe, ademais, 1.176 metros de tubaxe en previsión de alimentación de 25 futuras luminarias, instalación das súas bases, arquetas da liña e a reposición do pavimento da beiravía.
En Lebozán proxéctase unha rede nova de 554 metros de tubaxe que vai verter na depuradora existente, aproveitando as obras para instalar tamén un novo abastecemento en tubaxe, xa que o actual ten diámetros moi reducidos. As obras, cuxo prazo de execución é de seis meses, beneficiarán 135 habitantes de Muradas e 65 habitantes de Lebozán, aos cales se lles ofrecerá un servizo axeitado de saneamento e abastecemento. Eliminaranse as fosas sépticas e os problemas de salubridade que elas comportan.