A Xunta aporta 75.000 euros anuais para o mantemento dunha casa niño e dúas casas do maior no concello de San Amaro
A Xunta destina 75.000 euros ao ano para o funcionamento dunha casa niño e dúas casas do maior no concello de San Amaro. A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá as instalacións destes tres centros que, apuntou, supuxeron unha revolución para as veciñas e veciños deste municipio.
A conselleira sinalou que Galicia viviu unha transformación dos servizos sociais durante os últimos anos coa creación de 83 casas do maior repartidas por toda a Comunidade e outras 89 casas niño. A través destes centros, destacou, é posible ofrecer recursos de conciliación e atención naqueles concellos máis pequenos do rural. Deste xeito, as familias que residen neles teñen as mesmas oportunidades que as que viven nunha cidade.
Fabiola García concretou que o Goberno galego axuda no equipamento e no mantemento anual destas instalacións. Destina 15.000 euros para a adecuación de cada centro e outros 25.000 euros anuais para o seu funcionamento diario. Así, no Concello de San Amaro a Xunta investiu 45.000 euros para a adecuación da casa niño e as dúas casas do maior e 75.000 euros ao ano para o desenvolvemento de actividades nestes tres centros.