A Xunta asina convenios de colaboración con 7 concellos do Carballiño-O Ribeiro para a reparación de danos causados pola vaga de lumes do pasado mes de outubro

30, Xullo 2018

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, asinaron convenios de colaboración cun total de 18 concellos ourensáns para financiar ao 50% a reparación dos danos ocasionados en infraestruturas de titularidade municipal durante a vaga de lumes do pasado mes de outubro.

No ámbito das comarcas do Carballiño e O Ribeiro os concellos que resultarán beneficiados destes convenios de colaboración son: Avión, Piñor, San Cristovo de Cea, Carballeda de Avia, Leiro, Maside e Melón.

O importe de cada convenio foi calculado en función da información facilitada polos propios concellos, e a comprobación técnica in situ para determinar se eran ou non gastos subvencionables.

Esta era unha das liñas de axudas incluídas na orde conxunta que habilitou o Goberno galego para facer fronte aos danos producidos polos incendios, cuxo orzamento ascendeu a 13,2 millóns de euros. A este orzamento hai que sumar os 9,8 millóns de euros investidos pola Xunta en actuacións directas en distintos ámbitos: nos montes e estradas afectadas, ou nos parques naturais.

Esta convocatoria conxunta do Goberno galego habilitou axudas para poder paliar os danos causados pola vaga de lumes nun amplo abano de supostos, como a de afectación a bens de titularidade municipal (como os convenios asinados hoxe, que serán un total de 41 a nivel de toda Galicia); pero tamén a vivendas, negocios e, por suposto, por danos persoais.