A Xunta asina un convenio co concello de Beariz para renovar a cuberta do centro social de Muradás
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, ven de asinar un convenio co alcalde do concello de Beariz, Manuel Prado, para acondicionar a cuberta do centro social de Muradás, de titularidade municipal. O Executivo autonómico destinará 48.300 euros a financiar estes traballos, que se encargará de executar no que resta de ano o concello.
Perfecto Rodríguez destacou que as obras de mellora do tellado contemplan o cambio da tella e a instalación dunha lona térmica sobre un falso teito. Isto permitirá eliminar filtracións e mellorar a eficiencia enerxética do edificio. Ademais, a memoria do proxecto inclúe a colocación de dúas ventás no propio tellado e mellorar o sistema de iluminación para reducir o consumo.
Este inmoble leva máis de 25 anos acollendo diferentes actos e encontros organizados pola veciñanza. Neste sentido, o xerente do Consorcio destacou que as accións que se financian están destinadas a mellorar o día a día dos veciños de Beariz. Neste senso, recalcou que se trata da posta a punto dunha infraestrutura que xa forma parte da historia da vila e que, ademais, permite dende hai anos a dinamización social deste concello rural.