A Xunta avanza nas obras de acceso ao parque empresarial de Beariz desde a estrada OU-212, nas que o goberno galego inviste máis de 394.000 euros
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse ao concello de Beariz para, da man do seu alcalde, Manuel Prado, supervisar o estado das obras de acceso ao parque empresarial de Lebozán desde a estrada OU-212 nas que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste máis de 394.000 euros.
O delegado territorial salientou que esta actuación ten como obxectivo que o parque empresarial dispoña dun acceso cómodo e seguro desde esta vía autonómica, para reforzar a competitividade e as potencialidades empresariais do municipio.
Esta actuación – explicou Gabriel Alén- é froito dun estudo onde se analizaron seis alternativas, tendo en conta a xeometría da estrada, a funcionalidade e a seguridade viaria. A solución concreta está recollida no Plan Especial de Creación de Solo Industrial do Concello de Beariz, desenvolvéndoa segundo o previsto no informe de sustentabilidade ambiental dese plan.
Estase a actuar na estrada OU-212 ao longo duns 250 metros, pola marxe esquerda da vía, executando unha intersección que permitirá todos os movementos, en especial dos vehículos pesados que se acheguen ata o polígono.
A obra inclúe a habilitación de cuñas de aceleración e desaceleración de 30 metros de lonxitude para facilitar a incorporación á estrada e tamén a saída cara ao polígono en condicións de seguridade, ademais de carril central de espera para favorecer os xiros desde esta estrada cara á área empresarial, pensando en ofrecer maiores facilidades aos camións.
Na zona, onde se traballa na nova conexión, o trazado está formado por unha recta duns 400 metros de lonxitude que, aproximadamente no seu punto medio, conta cunha estrutura de vigas prefabricadas que permite o paso sobre o regato existente.
Tamén se está a levar a cabo a instalación de canalizacións de servizos baixo a berma que serve de protección contra os desprendementos de terras, en previsión da necesidade futura de darlle continuidade á iluminación do parque empresarial, de forma que só sexa necesario a instalación de báculos e de cableado.