A Xunta comeza a participación pública para a elaboración do plan de conservación do momumento natural de Pena Corneira
A Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio comeza, co inicio da participación pública documento preliminar, os distintos trámites e procedementos para a elaboración do Plan de Conservación do Monumento Natural A Serra de Pena Corneira, que abrangue os concellos de Carballeda de Avia, Leiro e Avión.
O Diario Oficial de Galicia ven de publiciar o anuncio pola que se somete un documento preliminar ao trámite de participación pública por un prazo de 20 días hábiles, comezando a contar o dito prazo, mañá día 11 de maio.
Trátase da fase inicial da tramitación deste expediente sobre este monumento natural, a Serra de Pena Corneira, que constitúe unha prolongación ao nordés da serra do Suído e ten unha superficie aproximada de 988 hectáreas, entre as bacías dos ríos Avia e Miño; e que foi oi declarado monumento natural mediante o Decreto 264/2007, do 20 de decembro.
O documento exposto a participación pública constitúe a fase inicial do plan de conservación, onde se fai unha breve descrición da zona de actuación, así como das súas principais presións e ameazas, que será a base para que o público en xeral poida expresar as súas opinións.
Con posterioridade, en base ás alegacións e á información obtida pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, elaborarase un borrador de plan de conservación con todos os apartados establecidos pola Lei 9/2001, do 21 de agosto, que será sometido a un novo procedemento de información pública, audiencia aos interesados e consulta ás Administracións afectadas.
Durante o procedemento de tramitación do plan de conservación establécese un réxime de protección específica para o espazo, de xeito que, ademais de serlle de aplicación o previsto no Decreto da súa creación, estarase ao previsto no artigo 21 da Lei 9/2001, do 2 de agosto, de conservación da natureza.
Valores de Pena Corneira
A importancia da zona radica nunha masa plutónica que dá lugar a un batolito de 18 km en sentido meridiano e 7 km en sentido leste-oeste, froito dunha masa de magma que se solidificou a causa da estrutura profunda do antigo volcán, hai aproximadamente 300 millóns de anos. O dito batolito está constituído por rochas graníticas hercínicas poscinemáticas, de composición xeral calcoalcalina e subalcalina, aparecendo granitos biotíticos e granodioritas biotíticas anfibólicas, aínda que non todo o macizo presenta facies similares. A diferenciación cristalina deu lugar a diferenzas na evolución xeomorfolóxica que fixeron posible a existencia do macizo de Pena Corneira e as súas formacións asociadas: cristas graníticas, domo alvéolos, corredores deprimidos, caos de bolos, pías (pot holes, gnammas),...
No referente á vexetación, o bosque climático nas partes baixas do territorio correspóndese cunha carballeira pertencente á serie Ruscus aculeati-Quercetum ruboris, co carballo (Quercus robur) como especie arbórea dominante e a xibarda (Ruscus aculeatus) como diferencial da asociación. Coexistindo co carballo tamén aparecen outras árbores acompañantes como o castiñeiro (Castanea sativa) ou o cerquiño (Quercus pyrenaica). A influencia mediterránea é notable, aparecendo especies como o loureiro (Laurus nobilis) o érbedo (Arbutus unedo), etc.
Nas zonas de maior altitude da serra, máis frías e húmidas, desenvólvese unha carballeira acidófila montana con arando (serie Vaccinio myrtilli-Quercetum boboris), de carácter máis continental e relacionada coa comunidade anterior, destacando especies como o bidueiro (Betula celtiberica), o acivro (Ilex aquifolium) ou o castiñeiro (Castanea sativa).