A Xunta conciencia á rapazada do Carballiño sobre a importancia dos mercados e das prazas de abastos co gallo da campaña ‘Quere o teu mercado’
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu no Carballiño a un obradoiro de alumnado de 3º e 4º da ESO co gallo da campaña da Xunta Quere o teu mercado, motivada polo Día do Mercado que se celebra mañá. En concreto, tivo lugar unha exposición de debuxos de produtos que se poden mercar nas prazas de abastos para dar mostra da variedade e riqueza destes espazos.
Na Praza de Abastos carballiñesa, o director xeral puxo en valor iniciativas coma esta que buscan concienciar ás novas xeracións sobre a importancia dos mercados de Galicia, co obxectivo de incentivar o consumo de produtos frescos e a compra de proximidade. Tamén co afán de destacar a profesionalidade e bo facer das praceiras e praceiros, así como o seu papel na dinamización e desenvolvemento local.
A este acto no mercado municipal carballiñés tamén acudiron o concelleiro de comercio Manolo Dacal e outros representantes da corporación carballiñesa, asi como Noelia Mares en representación do Carballiño Centro Comercial Aberto.