A Xunta continúa co plan de intervencións arqueolóxicas con actuacións no Castro de Cameixa
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse ata o concello de Boborás para, da man da súa alcaldesa, Patricia Torres, supervisar o comezo dos novos traballos de consolidación e acondicionamento no Castro de Cameixa, co obxectivo de ampliar a súa investigación e revalorización.
A actuación enmárcanse no Plan de intervencións arqueolóxicas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que neste ano contempla un total de 32 accións en 30 concellos de todo o territorio.
Manuel Pardo explicou que, cun orzamento de 17.300€, estas tarefas veñen dar continuidade ás campañas anteriores, realizadas desde 2018, para favorecer a posta en valor deste sitio histórico de obrigada referencia na bibliografía especializada porque permitiu reformular os distintos períodos da cultura castrexa. Así, con esta nova actuación, o Goberno galego leva investido ata o momento no xacemento máis de 75.000€.
Os labores, cun período estimado de 15 días, concéntranse en limpezas e roza de vexetación da contorna, na diagnose do estado de conservación e na consolidación dos restos arqueolóxicos descubertos. Ademais, tamén se fará un levantamento topográfico en tres dimensións da área de actuación e un debuxo das estruturas exhumadas. Todo isto complétase coa recollida de mostras e documentación gráfica.