A Xunta contratará este ano o Plan Básico Municipal do concello de Beariz. O alcalde tamén agarda colaboración para a mellora do núcleo de Doade.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda prevé contratar antes de final de ano a redacción do futuro Plan Básico Municipal (PBM) do Concello de Beariz. Así llo trasladou esta tarde a conselleira Ángeles Vázquez ao alcalde deste municipio ourensán, Manuel Prado, no transcurso dunha xuntanza por videoconferencia na que abordaron varios asuntos de interese local.
O instrumento urbanístico vixente en Beariz é unha Delimitación de Solo Urbano (DSU) do ano 1994 polo que se trata dun dos 37 concellos galegos para os que foi concibida a figura do Plan Básico Municipal, unha ferramenta impulsada pola Xunta precisamente co fin de que municipios de menos de 5.000 habitantes e que non contan con planeamento xeral poidan dotarse dunha ordenación básica que lles permita desenvolver certa actividade urbanística, pero sen establecer criterios de crecemento urbano.
A Xunta asumiu directamente a redacción do primeiro PBM de Galicia, o do Concello do Páramo, que precisamente esta semana acaba de iniciar o seu período de información pública, como paso previo á súa aprobación definitiva.
Este documento, tal e como lle explicou a conselleira ao alcalde, servirá de guía na elaboración dos futuros plans básicos municipais. Así, lembrou que actualmente hai oito concellos que se atopan na recta final da tramitación deste instrumento –estimada nuns 18 meses- e que nun segundo grupo de municipios, entre os que se atopa Beariz, xa se dispón das imaxes aéreas necesarias para poder realizar a cartografía que servirá de base na elaboración dos seus respectivos PBM.
Neste sentido, Ángeles Vázquez trasladoulle que o seu departamento pretende darlle un pulo importante este ano aos Plans Básicos Municipais, polo que nos orzamentos se reserva unha partida de 842.000 euros para sufragar os custos dos traballos de cartografado e redacción destes documentos.
Noutra orde de asuntos, a Consellería tamén estudará a posibilidade de colaborar economicamente nun proxecto municipal de humanización no núcleo de Doade a través dalgunha das liñas de axudas que pon a disposición dos concellos. Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta leva 10 anos colaborando coas entidades locais a través do chamado Plan Hurbe na execución de diferentes tipos de intervencións e proxectos urbanísticos que contribúan a crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso común e colectivo.
De feito, desde o ano 2009 o Concello de Beariz asinou varios convenios de colaboración coa Xunta ao abeiro deste programa que permitiron levar a cabo actuacións de acondicionamento e mellora en diferentes prazas e rúas do termo municipal, así como intervir sobre a contorna da Casa consistorial.
Neste sentido, Ángeles Vázquez animou ao alcalde a presentar este novo proxecto urbanístico en Doade, lembrando que nos orzamentos de 2021 o seu departamento dispón de case 7,5 millóns de euros para cofinanciar actuacións municipais destinadas tanto á mellora de equipamentos públicos como á humanización das contornas urbanas.