A Xunta convida aos concellos da área metropolitana, entre eles Punxín, a participar na reordenación do transporte público
A Xunta convidou aos concellos da área metropolitana de Ourense a tomar parte activa no proceso de reordenación do transporte público iniciado polo Goberno galego para, dese xeito, garantir a configuración do mellor mapa de servizos para os seus veciños.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha reunión cos alcaldes de Ourense, Amoeiro, Barbadás, Coles, O Pereiro de Aguiar, Punxín, San Cibrao das Viñas e Toén co obxectivo de informarlles dos avances que está a realizar o Goberno galego en relación coa mellora do transporte público na zona.
Nese sentido, a conselleira trasladou que o departamento que dirixe está a traballar para coordinar a posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano co proceso de reordenación das liñas de transporte interurbano que prestan servizo nestes municipios e que se aplicará este mesmo ano.
Segundo explicou Ethel Vázquez, o obxectivo desa reordenación é garantir que os cidadáns, especialmente os do rural, teñan acceso a un servizo de autobús máis útil e atractivo, polo que a previsión do Goberno galego é valorar facer posible que o autobús urbano preste servizo en concellos limítrofes cando estea xustificado por razóns de demanda.
A conselleira avanzoulles, ademais, que esta mesma semana terán lugar diversas reunións cos concellos nas que os técnicos do seu departamento explicarán aos representantes municipais os detalles do proceso de reordenación do transporte e as fórmulas para a súa participación.
O obxectivo do Goberno galego é que cada concello poida expoñer en detalle cal é a súa situación en relación co transporte público, as demandas e prioridades dos veciños nesta materia para, a partir de aí, establecer o xeito máis eficaz e eficiente de prestar ese servizo.