A Xunta culmina un investimento de 445.000 euros para dotar de acceso o parque empresarial de Beariz desde a estrada OU-212
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras que dotan de acceso o parque empresarial de Beariz desde a estrada OU-212, unha actuación que supuxo un investimento autonómico de 445.000 euros.
A intervención executada ten como obxectivo que o futuro parque empresarial dispoña dun acceso cómodo e seguro desde esta vía autonómica, para reforzar a competitividade e as potencialidades empresariais do municipio.
Esta actuación é o resultado dun estudo onde se analizaron seis alternativas, tendo en conta a xeometría da estrada, a funcionalidade e a seguridade viaria. A solución concreta está recollida no Plan Especial de Creación de Solo Industrial do Concello de Beariz, desenvolvéndoa segundo o previsto no informe de sustentabilidade ambiental dese plan.
En concreto, actuouse ao longo duns 250 metros na estrada OU-212 pola marxe esquerda da vía, executando unha intersección que permite todos os movementos, en especial dos vehículos pesados que se acheguen ata o polígono.
Os traballos executados incluíron a habilitación de cuñas de aceleración e desaceleración de 30 metros de lonxitude para facilitar a incorporación á estrada e tamén a saída cara ao polígono en condicións de seguridade, ademais de carril central de espera para favorecer os xiros desde a OU-212 cara á área empresarial, pensando en ofrecer maiores facilidades aos camións.
Na zona onde se executou a nova conexión o trazado está formado por unha recta duns 400 metros de lonxitude que, aproximadamente no seu punto medio, conta cunha estrutura de vigas prefabricadas que permite o paso sobre o regato existente.
A intervención incluíu a instalación de canalizacións de servizos baixo a berma que serve de protección contra os desprendementos de terras, en previsión da necesidade futura de darlle continuidade á iluminación do parque empresarial, de forma que só sexa necesario a instalación de báculos e de cableado.