A Xunta da comezo a unha nova fase de traballos de excavación no castro de Cameixa
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse ao concello de Boborás para achegarse ao Castro de Cameixa, coincidindo co comezo dos traballos de escavación e consolidación, nos que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vai investir 16.117,20 euros na edición programada para este ano.
O delegado territorial significou a importancia destas accións de conservación, pois “o noso patrimonio cultural é unha parte fundamental da nosa identidade como comunidade e a nivel individual. Tamén – continuou o delegado- é unha característica integral da contorna no que vivimos, traballamos ou simplemente gústanos visitar.
Para Gabriel Alén “comprender o noso patrimonio cultural axúdanos a entender unha parte importante de quen somos e cal é a nosa posición no mundo e na vida en xeral”; e engadiu que “tamén nos fai comprender mellor o potencial de recursos con que contamos e onde queremos chegar ou en que podemos chegar a converternos”.
Por iso, o representante do Goberno galego puxo en valor o compromiso da Xunta de Galicia coa posta en valor do patrimonio cultural e coa conservación dos diferentes restos arqueolóxicos da provincia de Ourense e da Comunidade.
O delegado territorial explicou que os traballos a desenvolver consistirán na limpeza e roza, baixo control arqueolóxico, da vexetación da zona de actuación e a súa contorna máis inmediata, isto é, a parcela de actuación e acceso á mesma.
Posteriormente, levarase a cabo a escavación con metodoloxía arqueolóxica, dunha área de aproximadamente duns 100 metros cadrados, sita no ángulo SE do castro co fin de exhumar parte dos restos arqueolóxicos descubertos tanto nas escavacións dos ano 40 do século pasado como da campaña do ano 2021. Sería unha ampliación dos sectores norte e oeste do escavado nas campañas anteriores.
A continuación efectuarase unha diagnose e consolidación das estruturas exhumadas, garantindo en todo caso unhas condicións de conservación axeitadas para a súa visita. Esta consolidación farase seguindo criterios de máximo respecto ao orixinal, mínima intervención, reversibilidade e uso de materiais compatibles.
Tamén se aportará documentación fotográfica e planimétrica da área de actuación e das diferentes fases. Vídeo e fotografía aérea (oblicua e vertical) e fotogrametría dixital 3D.
O Castro de Cameixa sitúase no concello ourensán de Boborás, en concreto, na parroquia de San Martiño de Cameixa, lugar de Cameixa. Trátase dun castro de obrigada referencia na bibliografía especializada debido a que foi un dos primeiros castros que se escavou con certa metodoloxía arqueolóxica (anos 40 do século XX) e que aportou datacións absolutas de C14 que permitiron reformular os distintos períodos da cultura castrexa. Presenta dous recintos amurallados e incluso outro antecastro máis exterior pero sen defensas ben definidas. Foi escavado nos anos corenta do século pasado por Florentino López Cuevillas e Xaquín Lorenzo Fernández deixando ao descuberto parte dun tramo de muralla xunto con dúas construcións circulares e unha cuadrangular. Froito da escavación exhumáronse restos cerámicos, pétreos, orgánicos (landras e legumes carbonizadas) e metálicos que abarcan un espectro cronolóxico que iría dende o século VI a.C. ata o I ou incluso II d.C.
Desde o ano 2018 estanse a levar a cabo campañas arqueolóxicas anuais para a posta en valor do dito xacemento: en 2018 procedeuse a seleccionar a zona de escavación partindo dos debuxos de Xaquín Lorenzo co gallo de localizar e exhumar os restos de estruturas que se rexistraron nas escavacións dos anos corenta, cuadriculando unha zona duns 100 m2. No ano 2019 procedeuse a seleccionar a zona de escavación cuadriculando unha zona duns 120 m2 (escavando unha superficie de 80 m2), e continuando coas xa escavadas no ano 2018. No ano 2020 procedeuse a cuadricular uns 80 m2 e continuouse cos restos estruturais atopados en 2019. O obxectivo era por un lado, completar o peche da estrutura cuadrangular que se superpón á circular no sector norte e por outro lado ampliar a escavación a unha zona non escavada por X. Lorenzo co fin de definir/comprobar datos estratigráficos e de materiais necesarios para seguir avanzando na investigación deste xacemento.