A Xunta da luz verde ao Plan Básico Municipal do concello de Beariz
A Xunta aproba de forma inicial o Plan Básico Municipal de Beariz para dotar o concello dun instrumento eficaz de ordenación do territorio.
A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, informou ao alcalde de Beariz, Manuel Prado, da resolución pola que se aproba inicialmente este Plan.
Trátase dun instrumento urbanístico básico que permitirá ao municipio ourensán ofrecer capacidade de acollida residencial e económica.
No que se refire á tramitación, tras a aprobación inicial de hoxe, o documento someterase a información pública durante dous meses e solicitaranse todos os informes preceptivos previos para a súa aprobación definitiva.
O Plan para este concello, que conta cunha poboación de 946 habitantes, clasifica un ámbito de solo urbano consolidado, denominado solo urbano de Beariz; e en canto a núcleos rurais, delimita 21 nun total de 3 parroquias.
O documento tamén categoriza solo rústico de protección ordinaria e solo rústico de especial protección forestal, das augas, de infraestruturas, patrimonial, paisaxístico e de espazos naturais.
Ademais o Plan cataloga ata 520 elementos que se corresponden con Bens de Interese Cultural (1) ou Bens Catalogados a nivel arqueolóxico (71), arquitectónico (428) e etnolóxico (28).