A Xunta destaca a calidade dos viños do Ribeiro na presentación das visitas e xornadas de portas abertas nas adegas, roteiros, o bus do viño e Ribeiro de tapeo.
O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, puxo en valor o viño galego como principal elemento dinamizador dos territorios que compoñen as cinco denominacións de orixe vitivinícolas da nosa comunidade e, en concreto, referiuse ao que supón para a comarca a D.O. do Ribeiro.
"Temos un sector responsable e sostible coa súa contorna e coas persoas que nos rodean -engadiu- e ao seu arredor progresan moitos pobos e cidades pequenas da nosa xeografía, vertebra o territorio e ofrece emprego de calidade, aliñando esta ruta coa Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas impulsada pola Xunta en colaboración co sector, coas tres universidades galegas e cos axentes relevantes dos respectivos territorios para acadar a consolidación dos nosos viños nos diferentes mercados”.
Gabriel Alén referiuse deste xeito ao importante papel da viticultura nos territorios rurais nos que se produce, no acto de presentación da Primavera das Portas Abertas na Ruta do Viño do Ribeiro que se desenvolverá entre os días 12 e 14 de maio. “O enoturismo como un turismo dun alto valor engadido e unha potente ferramenta para o desenvolvemento dun tecido socioeconómico moderno, sustentable e con futuro, nunha contorna como é o Ribeiro”, subliñou o delegado territorial.
Diante do presidente da DO Ribeiro, Juan Casares, participante no acto, o delegado territorial lembrou iniciativas como a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, impulsada pola Xunta da man do sector. Esta folla de ruta persegue potenciar os ámbitos produtivo, industrial e distribuidor do sector e outros eidos vinculados a el, como son o turismo, o patrimonio ou a paisaxe.
O gran obxectivo da Estratexia é mellorar o posicionamento dos viños galegos, aumentar a súa competitividade en mercados nacionais e internacionais e transformar, de aquí a 2026, a capacidade de xeración de valor dos territorios nos que se produce. No seu desenvolvemento xogará un papel fundamental a futura Lei da calidade alimentaria, así como a Lei de recuperación da terra agraria, para garantir a rendibilidade do sector do viño e a súa sustentabilidade, así como a remuda xeracional. Nesa liña, entre instrumentos de recuperación e reestruturacións parcelarias, xa son arredor de 35.000 hectáreas as que que están a ser mobilizadas na comunidade desde 2020, moitas delas destinadas á plantación e cultivo de vide.
Así mesmo, o delegado salientou o peso do sector vinícola galego, que agrupa máis de 10.000 viticultores e case 450 adegas, cunha superficie que supera as 8.700 hectáreas de viñedos.
Xornadas de portas abertas
Durante toda a fin de semana, do 12 ao 14 de maio, a Ruta do Viño do Ribeiro, ten programada unha ampla oferta de actividades que abranguen visitas guiadas e de balde ás adegas participantes, catas comentadas, descontos en aloxamentos e restaurantes onde poderán degustarse dous menús concibidos especialmente para esta ocasión. Como en edicións anteriores, haberá un ‘Bus do viño’ que sairá desde as principais cidades de Galicia (A Coruña, Santiago, Ourense, Vigo e Pontevedra), o sábado e o domingo, con destino a diferentes puntos do patrimonio histórico e as adegas do Ribeiro, onde se desenvolverán actividades de enoturismo especialmente deseñadas para esta iniciativa.
Outras accións destacables son: o V roteiro de sendeirismo de ‘O Camiño do viño’, rememorando o roteiro que seguían os antigos arrieros; paseos en EcoBarco polo río Miño, a fusión de gastronomía e viño no ‘Ribeiro de tapeo’, e o concerto da banda ourensá ‘En mala hora’ na Praza Maior de Ribadavia. Coa finalidade de respectar os aforos previstos, as prazas son limitadas, e todas as actividades precisan de inscrición previa para participar nelas. As entradas para o Bus do viño e algunhas das actividades, están xa á venda na web Ataquilla.