A Xunta destaca en FITUR o potencial turístico do Xeodestino O Carballiño-Ribeiro

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, destacou “o potencial sen límite” do termalismo na comarca O Ribeiro – Carballiño, “onde afloran centos de mananciais de augas termais que están callando nas súas beiras os máis modernos balnearios de Europa que desenvolven as terapias máis innovadoras; concepto termal que cristalizou na feira de Termatalia”.
Así o fixo, na presentación deste xeodestino na Feira Internacional de Turismo, en Madrid, na que tamén louvou as súas singularidades enogastronómicas, as súas paisaxes indescritibles e o poder do seu patrimonio e da súa historia.
O delegado territorial puxo en valor a filosofía do Goberno de Galicia na insistencia dos xeodestinos, por compartir as potencialidades e recursos de municipios e comarcas para valorizar destinos e puntos de confluencia, e así, ser máis eficientes na organización turística, nas técnicas de chamada e os reclamos publicitarios.
Manuel Pardo lembrou que o polbo, o pan, o viño e os recursos termais dentro dun clima, unha orografía, e a biodiversidade do medio, conforman unha paisaxe singular na que conflúen os vales do Avia e do Miño. Na pel das súas augas é un privilexio practicar deportes como a vela, o remo e o piragüismo.
Novo Plan Termal
O representante do Goberno galego resaltou que a Xunta de Galicia presentou recentemente un novo Plan Termal, que se impulsará neste ano, co obxectivo de impulsar de forma definitiva este sector, e de potenciar a imaxe de Galicia como destino termal.
Galicia é a primeira potencia termal de España, en gran parte grazas a Ourense que é a segunda cidade europea con máis fontes termais, por iso a Xunta creou a Área de Turismo Termal, con sede en Ourense que ten como principal obxectivo a proxección exterior de Galicia como un referente no termalismo.
Salientou o delegado territorial que o turismo termal en Galicia é un dos produtos turísticos con maior grao de especialización e singularidade. “Con maior capacidade de desestacionalización da demanda e con poder para a captación de máis segmentos de público, cun gran atractivo para a articulación de oferta turística combinada con outros produtos ou servizos relacionados co patrimonio cultural, natural, enogastronómico e deportivo”; manifestou
Agora, co novo Plan preténdese afondar na consolidación do sector en Galicia. Entre outras medidas, esta folla de ruta incluirá unha liña de axudas de 8 millóns de euros para, segundo explicou Manuel Pardo, “crear novos establecementos ou para mellorar os actuais”; “un manual de boas prácticas” para establecer estándares de calidade claros; un observatorio que exercerá de ferramenta de investigación turística; unha aposta pola formación continua especializada; e, ademais, novos produtos turísticos e distintas accións de marketing.
Un Plan que, segundo o representante do Goberno galego, se enmarca na aposta da Xunta por un sector con moito potencial e gran “capacidade para seguir medrando”.
Por todo iso, -concluíu Manuel Pardo- “desde a responsabilidade e o compromiso de representar aquí en Madrid, na feira de turismo máis importante do mundo, á Xunta de Galicia; desexo apuntar as deidades, dunha terra sen complexos, nin vestimentas artificiais que sabe que pode ofrecer un destino singular e diferencial a quenes desexen visitarnos”.