A Xunta destaca o valor dos obradoiros de emprego dual na comarca do Carballiño. No concello de San Amaro reformouse o local social das Neves de Grixoa.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou en San Amaro o local social da parroquia de Santa María das Neves de Grixoa, reformado para uso da veciñanza a través do obradoiro de emprego dual Arrieiros IV, especializado en traballos forestais e de albanelería e que fai servizo a distintos municipios desta comarca do Carballiño.
Alí puxo en valor o papel destes obradoiros na formación teórico-práctica para mellorar a empregabilidade das persoas participantes ao tempo que contribúen a mellorar servizos para a cidadanía nas zonas rurais. O conselleiro, que estivo acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado; polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, e polos alcaldes de San Amaro, Fernando Rodríguez, do Irixo, Susana Iglesias, e de Beariz, Manuel Prado, explicou que estas iniciativas, financiadas polo Goberno galego, tamén reforzan a colaboración institucional entre a Xunta de Galicia e as entidades locais como, por exemplo, os da contorna do Carballiño.
Neste caso, o obradoiro Arrieiros IV beneficiouse dunha achega da Xunta de máis de 530.000 euros para o seu funcionamento, que abarca a 20 persoas ás que agradeceu e felicitou polo seu labor. Este alumnado realiza labores de conservación e mellora de montes, repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, así como operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas, de rehabilitación de instalacións interiores, entre outros.
No caso do concello de San Amaro, ademais da rehabilitación do local social de Santa María das Neves de Grixoa, o obradoiro abarca outras actuacións como a plantación de frondosas na parcela dos Cotos e no concello do Irixo inclúe accións de roza e sinalización no camiño Nós, no campo de fútbol, limpeza e roza de núcleos de poboación e de pistas forestais. A maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, estas persoas poden obter un certificado de profesionalidade e, unha vez completen a formación, explicou o conselleiro, bríndaselle a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses.