Xunta e concello de Cea promoven a ruta da Serra Martiñá para achegar á poboación local e visitantes os valores deste espazo natural

13, Outubro 2024

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, supervisou as obras para a creación da ruta Serra Martiñá, nas que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático investiu preto de 25.000 euros.

O delegado territorial explicou que con esta actuación preténdese promover a creación e adecuación en cada Zona de Especial Conservación (ZEC) das infraestruturas de uso público necesarias para achegar a poboación local e os visitantes aos valores do espazo natural, de forma ordenada e compatible cos obxectivos de conservación.

Manuel Pardo, destacou que a Xunta concedeu máis de 1 millón de euros a axudas para recuperar, preservar e mellorar a biodiversidade da rede Natura 2000 na provincia de Ourense sendo os beneficiarios os concellos da Gudiña, Larouco, San Cristovo de Cea, Chandrexa de Queixa, O Irixo, O Bolo, Manzaneda, Laza, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, Montederramo, Vilar de Santos, Monterrei, Beariz, Vilar de Barrio, A Veiga, A Mezquita, Porqueira e Quintela de Leirado; que reciben máis de 400.000 euros; as persoas físicas -preto de 60.000 euros-, e entidades como asociacións sen ánimo de lucro e comunidades de montes veciñais en man común, que se reparten máis de 600.000 euros.

O representante do Goberno galego lembrou que o obxectivo desta orde de axudas, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, é subvencionar proxectos que contribúan ao mantemento das condicións ambientais necesarias para a conservación e recuperación de especies relacionadas co medio agrario e os seus hábitats así como á mellora da paisaxe rural tradicional.