Xunta e concello de San Amaro proxectan a creación dun polígono agroforestal neste municipio

30, Abril 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén,asi como o alcade de San Amaro Fernando Rodriguez Redondo, mantivo unha reunión con veciños deste concello, para informalos das vantaxes que presentan os instrumentos de mobilización contemplados na Lei de recuperación da terra agraria, como os polígonos agroforestais ou as aldeas modelo.

En concreto, o conselleiro explicou a posibilidade de establecer un polígono agroforestal na zona, cunha superficie de 28,03 hectáreas distribuídas en 422 parcelas propiedade de 146 titulares. A zona que acollería este proxecto está localizada entre as localidades de A Gaime, Viriña e San Amaro.

Durante a reunión, o conselleiro lembroulles aos asistentes que os polígonos agroforestais son unha ferramenta idónea para recuperar terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais.