Xunta e Deputación presentan en Avión o convenio de cooperación, que se extenderá a outros concellos, nas labores de prevención de incendios forestais
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o conselleiro de Medio Rural, José González, supervisaron hoxe no municipio de Avión as labores que se están levando a cabo neste concello cara á prevención de incendios forestais.
Esta cooperación entre Deputación de Ourense e Xunta de Galicia, que se estenderá a outras zonas da provincia de Ourense, ten como obxectivo "a prevención e extinción de incendios forestais, na liña do que vimos facendo todos estes anos poñendo a disposición do goberno autonómico maquinaria especializada e persoal necesario para desenvolver traballos naquelas zonas que necesitan un especial tratamento por ser posible foco de incendios". O presidente do goberno provincial destaca que esta actuación supón "unha transmisión de confianza á veciñanza e cooperación interinstitucional, que forma parte da nosa vocación e da nosa filosofía, e traballar conxuntamente coa Xunta de Galicia cun obxectivo tan prioritario como a prevención de lumes, forma parte dunha das apostas que puxo en marcha o goberno provincial de Ourense, unha estratexia que vai seguir con permanencia no futuro", destaca Manuel Baltar.
Por parte de Medio Rural, nestas labores mobilizáronse dous tractores e dúas brigadas de persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra incendios, que tamén están a executar accións de anticipación aos lumes. Precisamente, neste concello, a Deputación de Ourense vai intervir en 92 quilómetros de pistas e en 13 hectáreas de cortalumes, e actuacións semellantes acometeranse de seguido noutras áreas da provincia. No acto de visita, o conselleiro agradeceu a implicación da institución provincial ourensá nestes labores e animou ás demais deputacións galegas a seguir o seu exemplo. Fíxoo tendo en conta os beneficios que este traballo comporta para a seguridade das persoas e dos bens e, ademais, que a normativa reguladora das Bases de Réxime Local contempla, entre as competencias dos organismos provinciais, a prevención e extinción de incendios naqueles concellos de menos de 20.000 habitantes.
Estes traballos entre a Xunta e a Deputación de Ourense realízanse ao abeiro dun acordo entre ambas partes que facilitará que a Deputación realice, co seu propio parque de maquinaria, tarefas de prevención de lumes, tales como áreas de devasa e mantemento de pistas e camiños que atravesen as zonas de actuacións de xestión de biomasa. Uns traballos que guiará a Consellería do Medio Rural co obxecto de potenciar a prevención fronte o lume, conforme ás liñas deseñadas no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia 2020.
Os labores en colaboración prolongaranse ata o vindeiro día 16 de xullo. Neles, a Deputación de Ourense participa con diferentes vehículos pesados, tales como unha pa cargadora, un tractor, dúas motoniveladoras e un camión. Estas actuacións da Deputación de Ourense súmanse e complementan ás que está a levar a cabo a Xunta dentro do seu Plan de prevención iniciado en maio, centradas en traballos silvícolas preventivos; na creación e mellora de infraestruturas de defensa, e en intervencións de mellora da xestión forestal e das súas producións que redunden nun incremento do valor do monte. O plan contempla a intervención, no conxunto de Galicia, en preto de 46.000 hectáreas mediante diferentes tipos de traballos silvícolas, a actuación en case 5.800 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación repartidas por toda a comunidade, así como a construción de 121 novos puntos de auga e o mantemento doutros 3.207.
Desta forma, lévanse a cabo labores relacionados coa creación e mellora de devasas e faixas auxiliares, co mantemento de pistas no monte ou coa eliminación de residuos forestais. Así mesmo, supervísase o estado dos devanditos puntos de auga e fanse labores de roza mecanizada arrastrada, roza manual e roza mecanizada de brazo.