A Xunta e a DO Ribeiro reforzan a colaboración a prol da sustentabilidade da produción vitícola

12, Decembro 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, mantivo en San Caetano unha xuntanza cos responsables do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro encabezados pola súa presidenta, Concha Iglesias.

No encontro avaliouse a situación actual e as perspectivas de futuro desta zona vitivinícola no que atinxe tanto ao ámbito da produción como da industria, a comercialización ou a calidade. Os representantes da Xunta reiteraron o seu apoio a esta denominación, a máis antiga de Galicia, e a súa vontade de continuar traballando para garantir a súa sustentabilidade.

Neste sentido, avanzouse por exemplo na implementación dos diferentes instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria -en particular, os polígonos agroforestais- para poñer en valor áreas abandonadas ou infrautilizadas no territorio da DO. Así mesmo, avaliáronse aspectos relacionados coa sanidade vexetal e nomeadamente coa loita fronte a doenzas da vide, con especial atención á flavescencia dourada.

Tamén se abordou a situación do mercado no que atinxe en particular aos viños tintos e, en relación con este tema, á necesidade de sumar esforzos nos eidos da promoción e a comercialización, diante da tendencia internacional de baixada de consumo, que incide nos excedentes de produción.
Datos da denominación de orixe Ribeiro

Con datos a 31 de decembro de 2023, a DO Ribeiro conta cunha superficie inscrita de 1.185 hectáreas, preto de 1.600 viticultores e 102 industrias. A produción de uva na última campaña superou os 11,5 millóns de quilos e o valor económico estimado situouse en preto dos 26,4 millóns de euros.