A Xunta e o concello de Boborás avalían o proxecto para mellorar as canalizacións de augas na Almuzara
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, acordaron avaliar vías de colaboración para levar a cabo o proxecto de mellora das canalizacións de abastecemento, saneamento e pluviais na contorna da travesía da Almuzara.
Durante unha reunión que mantiveron hoxe, a alcaldesa entregoulle á conselleira o proxecto municipal para levar a cabo esta actuación que resulta necesaria xa que a antigüidade da rede está provocando problemas de perdas e malos cheiros.
Así, segundo o documento proposto pola Administración municipal, nas dúas marxes da estrada N-541 instalaríanse novas tubaxes, así como os correspondentes pozos de rexistro, que se conectarían coa rede xa existente.
Ángeles Vázquez explicoulle a Patricia Torres que Augas de Galicia estudará a proposta municipal e reiteroulle que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á s súa veciñanza.
Nesa liña, cómpre lembrar que ata o vindeiro mes de novembro permanece o prazo para que os concellos soliciten financiamento ao abeiro das ordes de axudas para auditorías de redes de saneamento para detección de filtracións e para obras de minimización de perdas de auga.