A Xunta e o Concello de Carballiño cooperarán para mellorar os centros educativos a través dun convenio.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe co alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, o tenente alcalde Pepe Castro e a concelleira de educación Lorena Castro, e co obxetivo de analizar as necesidades en materia educativa do municipio carballiñés e avanzar nun convenio de colaboración.
O representante da Xunta de Galicia puxo en valor o traballo realizado no municipio do Carballiño nos últimos anos dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica 2021-2024, no que se realizaron obras de mellora por valor de máis de 2,5M€. Concretamente, levouse a cabo a ampliación do IES Manuel Chamoso Lamas, a substitución da cuberta de fibrocemento, a mellora da funcionalidade dos baños para infantil e a substitución da iluminación e colocación do falso teito do CEIP Calvo Sotelo, e a instalación fotovoltaica no IES Nº1. Ademais, durante o verán tamén se acometeron pequenas obras de mellora no colexio Calvo Sotelo e no instituto Nº1.
Durante a reunión, na que tamén estivo presente o secretario xeral técnico, Manuel Vila; acordaron a sinatura dun convenio de colaboración para levar a cabo melloras nos centros educativos do concello. “A colaboración entre Administracións é fundamental para acadar mellores servizos”, sinalou Román Rodríguez.
Neste sentido, e a través do futuro convenio entre Xunta e Concello, a Consellería de Educación comprométese a atender novas necesidades dos centros. Entre elas destaca a solicitude do Concello de acometer a obra do peche do pavillón do CEIP Calvo Sotelo, así como a construción de vestiarios, baños e gradas no mesmo recinto e poder abrir, deste xeito, a infraestrutura ao uso público. Ademais, tamén se valorará a posibilidade de facer un patio cuberto no mesmo colexio.