A Xunta e o concello do Carballiño selan a cooperación para a execución dunha parada de autobús intermodal na estación de ferrocarril, que suporá un investimento autonómico de 190.000 €

15, Xuño 2022

A Xunta e o Concello do Carballiño asinaron o convenio para a execución dunha parada de autobús para intercambio intermodal nas instalacións da estación de ferrocarril do municipio, que suporá un investimento autonómico de preto de 190.000 euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, selou este acordo de cooperación co alcalde do Carballiño, José Fumega, vía telemática.

Trátase de impulsar as obras para a instalación dunha parada de autobús exclusiva para as liñas interurbanas de uso regular, na parcela situada na explanada frontal da estación de ferrocarril, localizada na avenida O Vinte e Cinco de Xullo, co obxecto de favorecer a intemodalidade entre os dous medios de transporte.

Mediante este convenio, a Xunta asume integramente a financiación, a redacción do proxecto, así como a licitación e execución das obras. Pola súa banda, o Concello do Carballiño comprométese á posta a disposición da Xunta os terreos necesarios para a súa execución e a asumir, ao remate dos traballos, o mantemento e conservación da infraestrutura.

Deste xeito, o departamento que dirixe Ethel Vázquez dá resposta á solicitude do Concello para o acondicionamento dunha parada de autobús intermodal na parcela da estación ferroviaria do Carballiño, logo de asinar a entidade local o arrendamento da mesma co Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF).

O proxecto redactado pola Xunta para a execución dunha parada de autobús para intercambio intermodal nas instalacións da estación de ferrocarril do Carballiño comprende as actuacións necesarias para a posta en marcha da parada: a urbanización da zona, a reposición dos servizos afectados e o subministro e instalación do refuxio.

Máis en detalle, estas obras permitirán dotar o municipio desta parada de autobús na contorna da actual estación de ferrocarril co fin de acadar unhas condicións óptimas de seguridade para a subida e baixada de viaxeiros. Tamén incluirá a habilitación do refuxio necesario para protexer aos usuarios do transporte público da Xunta das inclemencias meteorolóxicas.

Esta actuación é susceptible de obter financiamento no marco do Eixe REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión Europea á pandemia de covid-19.