A Xunta executa obras de humanización na vila de Leiro e anuncia a limpeza e conservación da ponte da Esperela
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, quixo comprobar sobre o terreo o resultado do acondicionamento das rúas Casanova e do Centro Cívico, no Concello de Leiro, e destacou a mellora que supón para o contorno urbano, e a accesibilidade e seguridade nos percorridos dos seus veciños, cun investimento de 100.000 euros.
Vázquez Mourelle sinalou que esta actuación, que rematou hai unhas semanas, é hoxe realidade e un exemplo da suma de esforzos das Administracións autonómica e local, froito dun convenio de colaboración asinado entre Xunta e o concello. Nesta intervención a Administración autonómica achegou o 80% do investimento final, correspondendo ao concello financiar o 20% restante, e a contratación e execución das obras.
Explicou que esta actuación vén así a facilitar o tránsito peonil e rodado no treito inicial da rúa Casanova e tamén na rúa do Centro Cívico, co obxectivo de mellorar a mobilidade dos veciños e reforzar a súa seguridade viaria nestas zonas tan frecuentadas, xa que acollen importantes equipamentos, como o centro escolar ou o mesmo Centro Cívico, lugar de actividade e de encontros.
Concretou que os traballos do concello nestas 2 rúas permitiron a renovación do pavimento e aproveitouse a obra para revisar as redes de saneamento, ademais de deixarse acondicionada para a instalación de futuros servizos, telefonía, electricidade. Tamén se substituíu a iluminación, instalando luminarias máis eficientes.
Lembrou que estas intervencións dan continuidade a outras melloras realizadas polo concello hai algúns anos na praza municipal da Pontiña, e tamén en rúas do contorno, logrando unidade e continuidade no ámbito viario do núcleo de Leiro.
Avanzou que, de cara ao futuro, o departamento de Infraestruturas da Xunta ten previstas novas actuacións en materia de infraestruturas viarias neste municipio e no seu contorno.
Subliñou que, atendendo á solicitude do alcalde, se ten previsto acometer a limpeza da Ponte da Esperela, sobre o río Avia, na estrada autonómica OU-209. E indicou que o departamento que dirixe está a iniciar a tramitación necesaria, coa redacción dunha memoria valorada
A conselleira indicou ademais que tamén están licitadas obras de mellora do firme na estrada OU-504, que vai a Ribadavia e a Cea, cun investimento de 600.000 euros. E abundou en que, aínda que non se actuará no treito concreto da estrada ao seu paso por Leiro, estas actuacións se executarán ao longo deste ano e beneficiarán igualmente aos veciños de Leiro, que verán melloradas as súas comunicacións cara ás poboacións veciñas de Ribadavia e de Cea, remarcou.