A Xunta facilita a formación á xente moza na panadería Aboamigalla de San Cristovo de Cea, no marco do programa "Xuventude Mentoring na Empresa".
A Xunta impulsa prácticas formativas de xente moza entre os 18 e 30 anos na panadería ‘Aboamigalla’ situada no polígono municipal de Cea, a través do programa Xuventude Mentoring na Empresa. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou as instalacións desta firma, que é unha das dez que colaboran no proxecto presentado por Valoresc Innovation a este programa autonómico, e que permite que 12 mozas e mozos teñan o seu primeiro contacto co mundo laboral.
Cristina Pichel, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, coñeceu a experiencia das dúas rapazas que están a desenvolver a súa estadía formativa nesta panadería de San Cristovo de Cea, unha na parte administrativa e outra no obradoiro. Tras a visita destacou que o Xuventude Mentoring na Empresa supón un paso máis na formación e asesoramento á xuventude para facilitar a súa transición entre a etapa formativa e laboral.
Ademais, a directora xeral salientou a boa acollida que esta ter esta iniciativa, xa que nesta primeira edición está a permitir un primeiro contacto co ámbito profesional a 170 mozos e mozas. O Goberno galego destina 1,2 millóns de euros a esta nova proposta, financiada nun 80% polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020.
Interese de entidades locais e de compañías
Cristina Pichel subliñou o interese que levantou esta primeira edición do Xuventude Mentoring na Empresa entre as compañías, as entidades locais e a xente nova. Así, o programa conta co apoio de máis de 70 entidades do sector privado nas que a mocidade realiza prácticas formativas; e tamén conseguiu a implicación dos concellos, xa que que nesta edición participan tres municipios da Costa da Morte: Camariñas, Muxía e Vimianzo.
Xunto con este programa, a Xunta impulsou no 2021 o Xuventude Mentoring, que este ano vai pola súa cuarta edición e que permitiu acompañar a preto de 500 mozos no seu paso de estudantes a profesionais.