A Xunta financia a apertura de tres novas Casas do Maior na Comarca, dúas en San Amaro e unha en Maside

O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse ao concello de San Amaro para informarlle ao seu alcalde, Fernando Rodríguez, que a Consellería de Política Social e Igualdade vai destinar máis de 106.000 euros para a posta en marcha de dúas casas do maior neste municipio. Estes novos recursos, sumados aos xa existentes neste concello, permitirán atender ata unha vintena de maiores de xeito totalmente gratuíto.
Así o fixo durante a súa visita a unha casa do maior xa existente nesta entidade local, onde destacou que na última resolución da convocatoria para a creación de 20 destes recursos en diferentes concellos de Galicia, 6 pertencen a provincia de Ourense sendo ademais das dúas de San Amaro, unha nos concellos da Mezquita, Quintela de Leirado, Maside e Petín, contando cun investimento da Xunta de máis de 306.000 euros.
Manuel Pardo salientou que a través desta orde, que contou cun orzamento dun millón de euros, o Goberno galego incrementará a rede de casas do maior de Galicia ata as 160 (59 na provincia de Ourense), co obxectivo de fomentar o envellecemento activo e o benestar das persoas da terceira idade.
O representando Goberno galego rematou lembrando que a Xunta impulsou estes recursos pioneiros co obxectivo de ofrecer unha atención totalmente gratuíta aos maiores que viven nos concellos máis pequenos, potenciando así os coidados de proximidade na contorna e para ofrecer alternativas de asentamento de poboación no rural.