A Xunta financiará a obra de reforma do centro de saúde de Maside e a ampliación da rede de saneamento en Corzos. Ademáis, a Axencia de Turismo de Galicia colaborará na valorización do castro de Santa Mariña.
As obras de reforma no centro de saúde de Maside, un convenio de colaboración entre o concello masidao e a Axencia de Turismo de Galicia e un proxecto de saneamento, foron os asuntos tratados na reunión que veñen de manter o vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda co alcalde de Maside José Manuel Iglesias e o secretario municipal, José Antonio Abeledo.
O vicepresidente comprometeuse a unha subvención que ascende a preto de 50.000 euros para a rehabilitación da cuberta do edificio. O resto das obras contempladas –consistentes na substitución da carpintería exterior, construción dun aseo de minusválidos, a supresión de barreiras arquitectónicas e a sectorización da instalación de calefacción– serán asumidas polo Sergas, logo da visita dos técnicos de Ourense e Santiago, responsables do Departamento de patrimonio da Consellería de Sanidade do pasado 16 de marzo e na que inspeccionaron o edificio.
Nesta mesma entrevista confirmouse un convenio de colaboración entre o Concello de Maside e a Axencia de Turismo de Galicia, semellante ao asinado no ano 2020, para unha actuación arqueolóxica no castro de Santa Mariña consistente na súa revitalización e posta en valor, cun orzamento que ronda os 25.000 euros.
Por último, Rueda tamén se comprometeu a unha subvención de 60.000 euros para a obra de ampliación da rede de saneamento na zona de confluencia dos concellos de Maside e O Carballiño, no lugar de Corzos e con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2021. Co fin de solicitar esta subvención, o Concello de Maside ven de aprobar un convenio de agrupación co Concello do Carballiño.