A Xunta impulsa a mellora da eficiencia enerxética no estadio de fútbol ‘Espiñedo’ cunha achega de 60.000€.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou o estadio de fútbol de Espiñedo, no Carballiño, para comprobar as melloras de eficiencia enerxética realizadas co apoio do Goberno galego. As obras contaron cunha achega de 60.000 euros do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, dotado con 5 millóns de euros.
Agora, o concello carballiñés agarda outra aportación deste mesmo departamento autonómico para levar a cabo esta mesma mellora no campo de fútbol da Uceira.
As melloras centráronse na iluminación, coa substitución dos actuais proxectores por outros con tecnoloxía Led e a reforma do cadro de mando eléctrico da instalación. Segundo sinalou a directora xeral, os obxectivos da actuación son favorecer o aforro enerxético e adaptar a iluminación á normativa técnica de instalacións deportivas, que indica a calidade da iluminación segundo a categoría na que se xogue.
Natalia Prieto lembrou que desde o 13 de marzo xa está aberto o prazo da nova convocatoria das axudas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local para melloras de eficiencia enerxética, dirixida a concellos de menos de 15.000 habitantes, e animou as administracións locais a solicitalas. O orzamento para este exercicio mantense nos 5 millóns de euros.
Ademais de darlle prioridade a instalacións deportivas, educativas, sociais, sanitarias ou culturais, nesta liña valórase o tipo de investimento, con maior puntuación para a instalación de caldeiras alimentadas con enerxías renovables ou a renovación e reformas de cubertas. A maiores, téñense en conta as melloras da envolvente térmica, na instalación eléctrica ou na iluminación, entre outras, así como a necesidade específica das actuacións previstas.
Achegas de ata 60.000 euros
As achegas poden ascender ata os 60.000 euros por concello, sen que a contía poida exceder o custo da actuación, que debe ser dunha única fase e supoñer a posta en servizo inmediata do proxecto.
A directora xeral explicou que a través desta medida se busca atender as necesidades das localidades de menor poboación, para garantir a mellor calidade na prestación de servizos municipais a toda a poboación galega, con independencia do lugar de residencia. No pasado exercicio houbo case un cento de concellos beneficiarios en toda Galicia. Deste total, 28 son da provincia de Ourense aos que se destinou un orzamento superior aos 1,5 millóns de euros.
A iniciativa enmárcase no apoio da Xunta ás administracións locais, co Fondo de Cooperación Local como instrumento central de colaboración económica para garantir a suficiencia financeira dos concellos. Natalia Prieto lembrou que neste exercicio o Fondo de Cooperación Local medra ata os 168 millóns de euros, 10 millóns máis que en 2024.
As axudas do fondo adicional súmanse ademais a outras convocatorias tamén xa publicadas, como a Orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros, o Fondo de Compensación Ambiental, que conta con máis de 11 millóns de euros, ou as axudas plurianuais á eficiencia enerxética cofinanciadas con fondos Feder e cun presuposto de 5 millóns de euros. A elas sumarase proximamente a da liña de apoio a proxectos estratéxicos do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, posta en marcha en 2024 e dotada con 8,5 millóns de euros.
As obras no campo de fútbol deEspiñedo forman parte do conxunto de actuacións impulsadas polo concello do Carballiño co apoio da Xunta a través das distintas ordes de axudas ás administracións locais. Neste marco de actuación o Goberno galego investiu nos últimos anos preto de 900.000 euros neste municipio.