A Xunta incorpora ao catálogo de árbores senlleiras o gran castiñeiro de Surribas, no concello do Irixo. Ten unha altura de 15 metros, un perímetro de 4,9 metros e unha idade aproximada de 250 anos.
O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a resolución pola que se inclúe no Catálogo galego de árbores senlleiras o gran castiñeiro de Surribas, que se localiza na parroquia de Froufe do Concello do Irixo. Este exemplar de Castanea sativa Mill, que está situado no monte comunal de Surribas, ten unha altura de 15 metros, un perímetro de 4,9 metros e unha idade aproximada de 200 a 250 anos.
Conta con 2 ramificacións principais cunha abertura central protexida con pedras e terra e, no seu conxunto, está cuberto cun gran tapiz de musgo, que fai deste un exemplar interesante desde o punto de vista estético ademais de representar un valioso legado e un gran valor natural.
O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta pública e en constante actualización, xa que poden propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou as asociacións e entidades públicas ou privadas que teñan entre os seus fins a protección da natureza. De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, este inventario de carácter administrativo foi obxecto de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a incorporación de exemplares con valores salientables.
Neste sentido, no catálogo son susceptibles de incluírse todas aquelas árbores e formacións merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecedoras dunha especial protección.