A Xunta inicia a redacción da segunda fase dos plans básicos municipais para os concellos de Beariz, Punxín e San Cristovo de Cea, que definirán a súa ordenación urbanística.
A Xunta inicia a redacción da segunda fase dos plan básicos municipais, da que forman parte nove concellos galegos, entre os que están Beariz, Punxín, e San Cristovo de Cea.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar os contratos do acordo marco para o servizo de redacción deste instrumento de ordenación, pensado para os concellos de menos de 5.000 habitantes. O importe global destes contratos supera os 530.000 euros.
Cómpre lembrar que a financiación dun plan básico municipal é unha das vías da Xunta de Galicia para apoiar ás administracións locais na meta de contar cunha ferramenta que lles garanta unha ordenación responsable e sustentable do seu termo municipal e que está recollida na Lei do solo.
A Xunta "defende que o urbanismo é unha tarefa que precisa do traballo de todos, por iso seguirá ao carón das administracións locais concedendo 3,2 millóns de euros en 2022 en axudas para a redacción dun PXOM ou para a elaboración dun plan básico, tal e como fai con 18 concellos que apostan polo mesmo, así como prestando o apoio e asesoramento técnico que necesiten".
Dende o goberno galego remarcan que "o obxectivo do Goberno galego é acadar que todos os concellos galegos conten un planeamento que protexa e poña en valor a paisaxe, o territorio e o urbanismo".