A Xunta inviste 1,1 millóns de euros na mellora do firme na estrada do Eixo do Ribeiro
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de mellora do firme na estrada OU-504, ao paso polo concello de Cea, que suporán un investimento de 1,1 millóns de euros. Esta mesma actuación tamén se leva a cabo a altura do municipio de Ribadavia
Os traballos, cun prazo de execución de seis meses, consistirán na rehabilitación do firme da OU-504 -coñecida como o Eixo do Ribeiro- entre a intersección coa estrada N-120 en Ribadavia e a intersección coa OU-901 en Cea, en concreto, entre os puntos quilométricos 1+460 ao 1+800; e do 2+900 ao 28+080.
Segundo o treito e o estado actual do firme, realizaranse fresados e reposicións de 5 e 10 cm de espesor, e disporase unha nova capa de rodaxe mediante o estendido dunha mestura bituminosa en frío, tipo microaglomerado.
As obras incluirán a habilitación de cunetas de seguridade de formigón, incluíndo tubo dren e recheo co material de fresado da propia obra para reforzar a seguridade viaria.
Tamén se mellorarán os camiños, mediante estendido do material de fresado da propia obra e o selado mediante unha rega asfáltica. Ademais acometerase a limpeza e o reperfilado das marxes.