A Xunta leva investidos nos últimos anos máis de 1,2 M€ en actuacións nas infraestruturas municipais de Avión, entre elas a reforma da casa do concello ou a instalación de novas caldeiras de biomasa nos edificios públicos.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto e o alcalde da localidade Antonio Montero, visitou o concello de Avión para comprobar melloras realizadas o ano pasado a través das distintas liñas de apoio ao eido local.
Este apoio forma parte dos máis de 1,2 millóns de euros investidos nos últimos anos no municipio que permitiron financiar proxectos a prol da calidade na prestación dos servizos municipais. Por unha parte, visitaron a reforma realizada na casa consistorial co obxectivo de mellorar as dependencias municipais que son utilizadas a diario pola veciñanza. Así, a Xunta investiu case 35.000 euros nestes traballos ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público.
Esta liña de axudas beneficiou o ano pasado a máis dun cento de entidades locais de menos de 30.000 habitantes como Avión e este ano xa se publicou a nova convocatoria mantendo o orzamento de 3,5 millóns de euros. Por outra banda, a través do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local actuouse na mellora da eficiencia enerxética do pavillón deportivo e do centro integral de servizos sociais Alvetus coa substitución das caldeiras existentes por outras novas de biomasa.
Deste xeito, cunha dotación de case 114.000 euros contribuíuse a reducir as emisións cunha enerxía máis limpa, ao mesmo tempo que se reduciron custos. O apoio enmárcase na liña do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local destinada á mellora da eficiencia enerxética dos edificios de titularidade municipal en concellos de menos de 15.000 habitantes.
Tamén mediante o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) pero doutra das liñas de axudas destinada á compra de maquinaria, equipamento ou vehículos para a prestación de servizos municipais, o concello de Avión recibiu 29.000 euros da Xunta para a adquisición dunha miniexcavadora que facilite o traballo dos operarios municipais do servizo de obras.