A Xunta licita a contratación da xestión da Residencia de Maiores, que creará 20 prazas para dependentes. A CIG pide que se abra con persoal público.
O Diario Oficial de Galicia publica no seu número deste venres dia 14 de Novembro o concurso para a contratación da xestión do servizo de atención residencial para persoas dependentes na Residencia de Maiores do Cornuval, por parte da Consellería de Traballo e Benestar.
O orzamento de licitación é de 417.520,90 euros e o número de residentes aos que se vai atender a través deste servizo de xestión é de 20 persoas dependentes. O contrato terá unha duración dun ano, ata o 31 de Decembro de 2015.
A CIG entende "que esta decisión é gravísima, máxime cando dende fai máis de dous meses o Comité de empresa ben reclamando unha xuntanza coa Secretaría Xeral da Consellería, sendo ninguneado continuamente pola mesma".
Recorda o sindicato como inicialmente esta residencia foi concebida para unha oferta de 118 prazas, polo que estará ao "17% da súa capacidade, cun investimento de 20.876 euros por residentes" o que leva a CIG a considerar que estamos "ante un despilfarro escandaloso de diñeiro público, a maiores da ocultación e secretismo con que se está a levar a situación na que queda a residencia xa existente".
A CIG califica esta licitación "como unha burla ao pobo do Carballiño, xa que unha vila necesitada de traballo e con un índice de paro elevado, tiña a posibilidade dunha residencia cunha dotación de persoal de uns 90 traballadores, e con esta capacidade as necesidades de persoal quedarán nunhas 15 persoas, e dicir, a perda de máis de 75 postos de traballo".
Dende a central sindical esixen "que se retire a licitación da contratación da xestión do servizo de atención residencial paras persoas dependentes, na residencia do Carballiño, e se abra de xeito inmediato con persoal público e co 100% da súa capacidade".