A Xunta licita por case 370.000 € as obras de renovación do pavimento e instalación dunha nova iluminación da Ponte Esperela, en Leiro

27, Decembro 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, informou esta mañá da licitación, por importe de case 370.000 euros, das obras de instalación dunha nova iluminación da Ponte Esperela e a súa calzada (OU-209), así como a renovación do pavimento desta, en Leiro. O delegado territorial, que estivo acompañado do alcalde, Francisco José Fernández, explicou que as empresas interesadas neste contrato teñen ata o 22 de xaneiro de 2024 para presentar as súas ofertas.

As obras consistirán na desmontaxe e reparación dos peitorís que o precisen, previa a súa recolocación cunha ancoraxe mecánica á peza da cornixa, perfilado e nivelación. Unha vez colocados e aliñados, executarase un corte mínimo horizontal baixo a albardilla para aloxar as luminarias lineais e un ensanche das xuntas verticais polas que suba o cabreado para a alimentación da iluminación. A continuación procederase ao fresado do aglomerado da calzada e posterior escavación das gabias lonxitudinais e transversais para afastar as canalizacións do subministro eléctrico e das arquetas; as gabias reporanse con formigón armado HA-25 para servir de base, xunto cunha maia de tipo HATELIT, para o aglomerado en quente final da estrada.

Nas marxes da vía disporanse canles de recollida de pluviais que se executarán en granito e que se conectarán puntualmente coas gárgolas das cornixas; colocaranse lousas de granito transversalmente para aloxar as arquetas para as caixas de derivación estancas que coincidirán coas pilas da ponte. O aglomerado da ponte, entre xuntas de lousas de granito de 50 cm de ancho, terá un acabado pulido; o acabado dos dous treitos coincidentes cos muros de acompañamento é o do aglomerado en quente; as xuntas entre os distintos pavimentos resolveranse cunha chapa de aceiro galvanizado de 1 cm de grosor.

O alumeado público

Primeiramente, procederase á execución da acometida e colocación dun cadro de mando nun poste de formigón da rede existente; despois levarase a cabo a execución das gabias para as canalizacións; os tubos irán protexidos con formigón onde haxa tráfico rodado e executarase a subministración aos báculos cos proxectores para a iluminación da estrada na marxe dereita do río e dos alzados e os bañadores de parede do muro de acompañamento. A canalización protexerase cunha protección aérea-subterránea de cobre polo muro de cantaría ata a ponte. As luminarias da calzada e dos alzados teñen báculos de 15, 12 e 6 m con proxectores tipo SETGA INFINITUM ou equivalente; as luminarias lineais de LED da estrada no treito estrito da ponte son TIPO SETGA PV ou equivalente; as luminarias do alzado do muro de acompañamento da marxe dereita do alzado de augas abaixo son proxectores lineais tipo SETGA HL-1100 ou equivalente.

O delegado territorial lembrou que en outubro asinouse un acordo co Concello de Leiro, polo que este se comprometeu a poñer á disposición os terreos para a execución da actuación e a asumir a conservación e mantemento das instalacións de iluminación unha vez rematadas as obras.