A Xunta licita a redacción do proxecto de construcción do novo Centro de Saúde de Boborás, que ten un orzamento estimado en 1,24 millóns de euros.
A Xunta licitou por importe de 90.857 euros a redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde de Boborás.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia ven de publicar a licitación destes traballos, aos que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 3 de xaneiro.
Os licitadores deberán incluír na presentación das súas ofertas a definición dunha idea global do edificio e da súa urbanización, coa súa concepción construtiva e de instalacións. Esta proposta determinarase de xeito que integre a tecnoloxía da madeira na súa definición e recolla unha resposta tecnolóxica que garanta un consumo enerxético o máis eficiente posible.
Una vez adxudicado e asinado o contrato, a empresa adxudicataria disporá dun prazo de 3 meses para entregar o proxecto básico e de 2 meses para presentar o proxecto de execución, unha vez que o proxecto básico sexa informado favorablemente.
O orzamento estimado para a execución das obras do novo centro de saúde de Boborás estímase en 1,24 M€, un investimento da Xunta que quedará determinado finalmente no proxecto de execución, obxecto do contrato licitado hoxe.
Os terreos para a construción do novo centro de saúde de Boborás teñen unha superficie de 6.247,31 m2 e foron postos á disposición da Xunta polo concello de Boborás.
A Deputación de Ourense achegará 186.000 euros para a urbanización dos terreos do novo centro de saúde, orzamento que inclúe un aparcadoiro con 70 prazas, unha parada de autobús, a construción de beirarrúas e a instalación de colectores para a xestión de residuos.
O propio Concello está a urbanizar esta parcela, dotándoa de servizos urbanísticos e beirarrúas e incorporando, tamén, na súa parte traseira, unha zona de estacionamento que servirá ao conxunto de equipamentos que se están a construír neste ámbito. Prevese, polo tanto, unha superficie de 2.100 m2 aproximadamente na súa fronte para a localización do centro de saúde do municipio ourensá.
De acordo co programa funcional e de espazos, o centro de saúde incrementará en case un 40% a superficie actual. Máis en concreto, o novo centro acadará unha superficie construída de 663,60 m² e unha superficie útil de 592,50 m2.
A área de asistencia sanitaria contará con 2 consultas de medicina xeral, 2 de enfermaría, zona de espera e 1 sala da muller con aseo propio. Contarase cun área de respiratorios, con sala polivalente e sala de espera independente, e un área asistencia polivalente adicional.
O novo centro de saúde disporá dun espazo cuberto para a ambulancia, vestíbulo, recepción con zona de espera e un despacho para atención ao usuario. O resto da superficie será para administración, servizos e instalacións
A execución deste novo centro de saúde é froito do acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Boborás en marzo deste ano.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, será a encargada de licitar e executar as obras, seguindo a encomenda da Consellería de Sanidade.