A Xunta Local de Seguridade constata que "O Carballiño é un concello seguro" e avanza unha axenda para seguir mellorando
O Concello de O Carballiño e a Subdelegación do Goberno en Ourense ratificaron a renovación da adhesión da Policía Local deste municipio ao sistema Viogen de loita contra a violencia de xénero, segundo acordou a Xunta Local de Seguridade reunida baixo a presidencia do subdelegado do Goberno, Emilio González, e o alcalde de O Carballiño, Francisco Fumega.
A Xunta Local de Seguridade procedeu á renovación do Convenio de Seguimento Integral dos casos de Violencia de Xénero, que será asinado polo Concello co Ministerio do Interior para regular a presenza da Policía Local no sistema Viogen, así como á modificación do Protocolo de Coordinación e Colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e da Policía Local de O Carballiño. O Concello de O Carballiño participa dende o ano 2011 no sistema operativo Viogen, aínda que dende 2006 vén traballando en colaboración co Goberno central na erradicación da violencia de xénero.
A través do sistema Viogen a Policía Local dispón de maior información sobre todos os casos activos de violencia machista, de tal maneira que os propios policías locais pasan a asumir o seguimento e protección dalgúns destes casos, considerados de nivel de risco baixo ou de risco non apreciado, mentres que a Garda Civil se encarga do seguimento do resto de casos.O número de casos activos asignados á Policía Local será como máximo do 50% do total dos existentes no Concello, non superando a cifra de vinte vítimas.
Na actualidade en O Carballiño hai activos no sistema VioGen 13 casos deste tipo, dos cales catro presentan risco medio, seis presentan risco baixo e tres presentan risco non apreciado. En canto ás medidas xudiciais once casos contan con medidas de prohibición de aproximación e comunicación.
Emilio González destacou a lealdade institucional, a receptividade e a colaboración do Concello e do seu alcalde nesta loita, o que permite incrementar tanto a coordinación como a propia loita contra a violencia machista, posibilitando un mellor aproveitamento de todos os recursos dispoñibles para previr este tipo de violencia a nivel local.
Por outra banda, os representantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado informaron da evolución relativa á seguridade cidadá do concello, constatándose un incremento dos delitos leves contra o patrimonio, debido fundamentalmente ao incremento das estafas realizadas a través de Internet e das novas tecnoloxías, mentres que o resto de tipos delituosos diminuíron.
O subdelegado do Goberno destacou que este segue a ser “un concello seguro e que todas as administracións e Forzas e Corpos de Seguridade seguirán traballando para manter os niveis de seguridade acadados”.
Así mesmo, con respecto á seguridade durante o verán incidiuse na necesidade de exercer un maior control e vixilancia para evitar concentracións que poidan supoñer o incumprimento da normativa de seguridade e prevención con respecto ao COVID-19.
Emilio González trasladou aos representantes das Forzas e Corpos de Seguridade presentes na reunión o seu agradecemento polo traballo e polo esforzo desenvolvido nestes meses, incidindo na importancia de manter a excelente coordinación existente entre todas as forzas.
Como resposta á Comisión Provincial de Ourense do Plan Director, creada o pasado 3 de marzo, a Xunta Local de Seguridade introduciu como outro dos puntos da orde do día o Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas para lograr unha maior coordinación.
Impulsarase a implicación da comunidade educativa, dos proxenitores e do alumnado para incrementar nos centros escolares de O Carballiño o número de charlas informativas dos equipos especializados das Forzas e Corpos de Seguridade sobre o uso das novas tecnoloxías, sobre o acoso escolar, sobre a violencia de xénero, sobre a prevención de condutas aditivas (consumo de alcohol e drogas, así como adición ao xogo) e outras actividades. Durante o curso 2019-2020 participaron neste tipo de charlas un total de 704 alumnos e 46 profesores no Concello de O Carballiño.
Igualmente se reforzará a vixilancia nas inmediacións dos centros escolares para combater e previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como todo tipo de condutas violentas.