A Xunta pon en valor a Ponte Esperela, no Concello de Leiro, con actuacións por máis de 360.000 €

13, Decembro 2024

A Ponte Esperela, no de Leiro, loce xa a súa nova iluminación ornamental, na que a Xunta realizou un investimento de máis de 360.000€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisou os traballos realizados nesta emblemática ponte, que segundo subliñou, “a poñen aínda máis en valor”.

As actuacións realizadas buscaban completar unha anterior intervención de limpeza neste elemento patrimonial do concello de Leiro, que conecta o núcleo urbano de Leiro e a súa área fluvial co núcleo rural da Esperela e a súa área de lecer, coñecida como Campo da Esperela. Deste xeito, dotouse á ponte dunha nova iluminación nos seus alzados e na calzada, e tamén se renovou o pavimento da propia estrada OU-209 sobre a ponte.

Trátase, como subliñou a conselleira, dunha intervención “que ademais de acentuar a estética da ponte, aumenta a súa funcionalidade e seguridade, sempre respectando a contorna natural desta infraestrutura e a súa importancia patrimonial”.

Allegue destacou así mesmo que se cumpre tamén coa máxima de acadar a eficiencia enerxética, “requisitos sempre presentes nas obras que impulsa a Xunta para a mellora das infraestruturas que forman parte do noso patrimonio”.

Neste alumeado ornamental, tivéronse en conta aspectos fundamentais como a tipoloxía e imaxe desta ponte de pedra, a súa contorna pouco urbanizada, cos espazos recreativos nas marxes do río Avia, así como as directrices de paisaxe de Galicia. Así, optouse por unha iluminación cálida e sutil, que baña de xeito uniforme o volume da ponte sen resaltar ningún dos seus elementos en particular, e con especial coidado en evitar a contaminación lumínica.

Logrouse coa instalación de proxectores situados en ambas marxes do río, augas arriba e abaixo, e tamén con proxectores de parede situados no terreo para iluminar o muro de acompañamento na beira dereita, o único visible desde a área fluvial de Leiro. Iluminouse tamén con proxectores a calzada sobre a ponte e o tramo de vía dos muros de acompañamento.

A conselleira anunciou que no vindeiro ano completaranse as actuacións na ponte coa instalación de sinalización semafórica, en base a unha proposta do Concello. Neste senso, apuntou que a Xunta seguirá a colaborar coa entidade local “para abordar actuacións que poidan seguir a mellorar a calidade de vida da veciñanza”.