A Xunta presenta en Oseira un estudo para impulsar o Camiño Xacobeo da Vía da Prata
O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, participou no Mosteiro de Oseira na presentación de Avaliación e análise do potencial do Camiño de Santiago-Vía da Prata para o desenvolvemento sostible a escala local, un estudo realizado polo Grupo de Análise e Modelización Económica do IDEGA da Universidade de Santiago de Compostela de resultas da sinatura dun convenio entre o Consello Económico e Social de Galicia e a Deputación de Ourense, e do que destacou que coincide coa diagnose inicial e con bastantes das propostas impulsadas nestes últimos meses desde a Xunta de Galicia no seo desta ruta.
O titular de Turismo cualificou este estudo de “excelente”; apelou á colaboración e á boa sintonía entre as diferentes administracións e os axentes que actúan na dinamización deste territorio histórico, e sinalou que resulta “moi positivo” contar con estudos como o presentado, “posto que contar con novos ferramentas solventes e útiles para a toma de decisións é esencial para aproveitar dun modo intelixente e sustentable un legado histórico e patrimonial de primeiro nivel como a Vía da Prata”.
Na presentación participou, ademais do conselleiro, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde do Concello de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares Fernández; o presidente do Consello Económico e Social, Agustín Hernández, e o director do IDEGA, Melchor Fernández Fernández, que realizou a explicación do estudo.
Axente dinamizador
Román Rodríguez explicou que unha vez se detectou a necesidade de potenciar esta ruta como axente dinamizador, “non só dentro de Galicia senón no conxunto de España”, o Goberno galego está traballando en coordinación co resto de Comunidades Autónomas polas que transcorre a ruta “para acordar medidas e concertar os pasos a dar”.
Neste sentido, lembrou que xunto a Andalucía, Estremadura e Castela e León se asinou un protocolo para traballar en accións conxuntas centradas na potenciación do itinerario; tanto no que se refire á promoción turística e a programación cultural, como á defensa e protección patrimonial do itinerario histórico. Ademais, ao abeiro deste acordo tamén se define un marco de colaboración para impulsar a unificación da sinalización e a mellora da seguridade viaria, así como a mellor integracións paisaxística dos tramos urbanos nas respectivas comunidades.
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense asegurou que este traballo “pon en valor a importancia da Vía da Prata” a cal, grazas a este estudo “no que todos aportamos o máximo de nós desde as administracións que lideramos, poderemos acadar un resultado importante da mesma como fonte de ingresos e como dinamizadora económica e social”.
Baltar destacou a importancia que tivo a cooperación e o traballo coordinado entre administracións, como se materializou unha vez máis para realizar este estudo, sobre o turismo en Ourense que “nos últimos tempos rexistrou datos históricos tanto de visitantes como de pernoitas”, afirmando que ao incremento deses datos contribuíu “o traballo coordinado”.
Compromiso coa Vía da Prata
O conselleiro fixo un repaso polos investimentos realizados pola Xunta desde 2019 na ruta e os compromisos adquiridos que permitan “avanzar a paso lixeiro para chegar nas mellores condicións posibles ao vindeiro Xacobeo 2021”. Así, explicou que se ten intensificado o traballo no eido da sinalización da Vía da Prata, cun investimento de máis de 2M€ e lembrou que esta conta por primeira vez cun Plan de Mantemento propio dotado con 1,6M€ para todos os seus concellos.
Finalmente, se ben este ruta conta con 13 albergues, algúns recentemente rematados, como o de Ourense, a Xunta impulsa dúas novas dotacións: unha na Gudiña, coa rehabilitación da Casa da Viúva, e outra no propio Mosteiro de Oseira, o que supón un investimento conxunto de 1,3M€. “En ambos casos –explicou o titular de Cultura−, apostamos pola rehabilitación, mantemento e uso do noso patrimonio; un aspecto clave que me parece importante reivindicar”.
Conclusións do estudo
O documento de avaliación e análise presentado no cenobio inclúe diferentes propostas de actuación como o impulso da colaboración interadministrativa; a conveniencia dunha ferramenta de planificación e dirección estratéxica, dun plan de formación sobre o Camiño, dun plan de apoio aos investimentos privados nesta ruta e dun plan de comunicación; así como a suxestión de crear na provincia de Ourense un centro de interpretación da Vía da Prata.
Así mesmo, proponse promover a identificación da Vía da Prata con diversos perfís de peregrinos como o ciclista e o de grandes grupos; a reconfiguración das etapas para acadar que estas sexan máis accesibles para todos os públicos; a existencia de xestores-guías que faciliten a comunicación entre peregrinos, residentes e as administracións responsables da xestión, e a proposta de que a cidade de Ourense sexa o punto de inicio para peregrinos con limitación temporal (rutas de 5 ou 6 días).