A Xunta prevé abrir o Centro de Interpretación da Cultura Castrexa no derradeiro trimestre do ano
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de adxudicar a obra de urbanización do contorno do Centro de Interpretación da Cultura Castrexa de San Cibrán de Lás cun orzamento de 254.000 euros, estará rematada, se non se producen retrasos, en setembro de 2013.
Estes traballos inclúen a execución de gabias e redes de drenaxe, a retirada de elementos existentes (bancos, mesas, etc.) e a pavimentarase da zona do acceso de servizo, á terraza da cafetería e o acceso ao castro. A continuación executaranse valados de peche da fronte da parcela, incluíndo o peche principal, a porta de acceso rodado, a porta de acceso peonil e os peches con enreixado metálico. Instalaranse luminarias exteriores para o alumeado do percorrido de acceso ao castro e remplazaranse as tullas existentes por outras plantas co obxectivo de recuperar o aspecto orixinal dese área.
A Consellería de Cultura e Educación está traballando para poñer en marcha o Centro de Interpretación no menor tempo posible, que se estima que será no último trimestre do ano, unha vez estean rematadas as obras de urbanización, estea lista a conexión da rede eléctrica de media tensión e se estableza un modelo de xestión
Respecto a xestión do Centro de Interpretación, a Consellería de Cultura e Educación está buscando o modelo más eficiente e menos custoso para a Xunta de Galicia. Por este motivo, a pasada semana, responsables da Consellería reuníronse co alcalde de San Amaro para tratar este asunto. Fai uns meses ofrecéraselle ao alcalde a posibilidade de que o concello asumira a xestión e explotación do complexo mediante a sinatura dun convenio, que, co obxectivo de garantir a súa viabilidade, iría acompañada dunha subvención reguladora por parte da Xunta.
A corporación de San Amaro, tras estudar as condicións da Xunta de Galicia, declinou a oferta de xestión municipalizada do Centro. Agora, a Consellería de Cultura e Educación iniciará os trámites para sacar, mediante un procedemento de concesión que sairá a concurso público, a explotación e xestión do Parque.
Con aproximadamente 25 hectáreas de extensión, o xacemento arqueolóxico coñecido como a ‘Cidade de San Cibrao de Lás’, é un dos castros máis grandes e monumentais da Comunidade Autónoma. O seu bo estado de conservación, o estado actual da escavación e a monumentalidade das súas defensas, fan del un referente, tanto desde o punto de vista da investigación como turístico.
A importancia deste xacemento xa foi obxecto da atención dos investigadores fai case un século, posto que entre os anos 1922 e 1925 xa escavou neste xacemento arqueolóxico Florentino López Cuevillas, continuando cos traballos Xaquín Lorenzo Fernández nos anos 1948-49. Anos despois, na década dos 80 e inicios dos 90, as actuacións foron desenvolvidos baixo o amparo do Museo Arqueolóxico de Ourense. Estas escavacións continuaron en datas máis recentes cara a súa posta en valor.
O Centro de Interpretación da Cultura Castrexa de San Cibrao de Lás é unha das actuacións máis ambiciosas previstas no seo da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico (RGPA). A RGPA é un programa que pretende fomentar as accións de posta en valor do patrimonio arqueolóxico de Galicia. A través da investigación, protección e difusión procúrase achegar ao público en xeral o noso patrimonio, á vez, que se garante a súa conservación e se continúa a afondar na súa investigación.